KToon é un conxunto de ferramentas para a animación 2D deseñada por animadores para animadores, e enfocada á industria dos debuxos animados. O proxecto está licenciado baixo a licenza GPL. A nivel técnico, KToon está programado empregando G++, OpenGL e QT.
Polo momento está só dispoñíbel para sistemas Unix, pero segundo podemos ler na páxina de información sobre o proxecto, os responsábeis esperan facelo traballar tamén baixo sistemas Windows algún día.
Para facer funcionar este aplicativo, os requirimentos mínimos son:
- Calquera sistema operativo Unix (mellor se é libre)
- QT 4.1.1 ou superior
- 256 MB de RAM
- Un procesador a 800Mhz ou superior
- Cando menos 5 MB de espazo en disco
Se se está interesado en comezar con KToon, existen páxinas de documentación en formato wiki, que inclúen tamén recursos en castelán e portugués (aínda que, actualmente, se atopen un tanto vandalizados).
Este aplicativo únese a outros dispoñíbeis en GNU/Linux para a animación clásica en 2D, como Pencil ou Synfig, dos que xa falamos nalgunha ocasión nesta páxina.
