O vindeiro venres 23 de outubro a partir das 15:30 horas terá lugar o acto de entrega da VIII edición do Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre que convoca a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG. O acto celebrarase na Sala Eisenman da Cidade da Cultura.
O pasado 30 de setembro rematou o prazo de presentación de candidatos ao premio, cun excelente nivel de participación, recibíndose un total de 13 candidatos. Igual que o pasado ano, houbo variedade de áreas, incluíndo proxectos de biolóxicas ou de industriais, ademais dos clásicos de titulacións informáticas.
A tarefa do xurado foi un ano máis complexa para escoller aos finalistas, centrándose principalmente, segundo se recollía nas bases, na valoración do correcto licenciamento dos proxectos así como o uso de metodoloxía de traballo propia dos desenvolvementos en aberto.
Finalistas
Os 5 finalistas seleccionados polo xurado son :
- Cristóbal García Camoira: Control de posicionamento de vehículos mediante Arduino.
- Pablo Grella Palleiro Sistema de xestión de asociados de CuacFM
- Siro González Rodríguez Sistema de atención neurolóxica con WebRTC
- María Sineiro Acha Deseño e implementación eficiente de coleccións paralelas en Java
- Xoan Iago Suárez Canosa Aplicación web para a Análise do comportamento humano en zoas transitadas
Estes 5 candidatos deberán realizar unha breve presentación ante o xurado o vindeiro venres sobre o traballo realizado no seu proxecto, facendo especial fincapé nos aspectos relacionados co Software Libre, das motivacións para publicalo con licenza libre, do proceso de selección da licenza, da experiencia coas comunidades, das perspectivas de futuro, etc.
Logo das 5 presentacións, o xurado deliberará para tomar a súa decisión final e nomear ao gañador do primeiro premio, dotado con 1.500 euros patrocinado polo CIXUG, e o merecedor do accésit de 750€ patrocinado por GPUL.
Candidatos
Aínda que só pode haber un gañador do premio, todos os candidatos son merecedores de recoñecemento polo seu traballo e por telo desenvolvido empregando tecnoloxías libres e publicando o resultado final á súa vez con licenza libre, polo que a continuación recollemos o listado completo dos proxectos dos 13 candidatos participantes:
- Cristóbal García Camoira: Control de posicionamento de vehículos mediante Arduino.
- Diego Nieto Muñoz: Integración clBLAS en la librería de computación heterogénea HPL
- Andrés Cordeiro Baqueiro: Creación de modelos 3D para o estudo de estruturas biolóxicas: aplicacións en ciencia e investigación
- Javier Abellán Ferrer: Prototipo de baixo custe de captura 3D
- Pablo Grella Palleiro Sistema de xestión de asociados de CuacFM
- Siro González Rodríguez Sistema de atención neurolóxica con WebRTC
- Estanislao Ramón Pérez Sistema autónomo de monitorización meteorológica con emisión de informes periódicos
- David Albela Pérez Plataforma escalable para o almacenamento, publicación e busca avanzada de fotografías
- Bruno Santiago Vázquez Desenvolvemento e integración de funcionalidades de xestión de proxectos nun sistema de control de versións actual
- Yerai Doval Mosquera Preprocesamento de Chíos para Análise e Minería de Textos: Identificación do Idioma e Normalización do Texto
- María Sineiro Acha Deseño e implementación eficiente de coleccións paralelas en Java
- Adrián Moreira Pereiro Deseño e implementación dun sistema distribuído para a execución de probas
- Xoan Iago Suárez Canosa Aplicación web para a Análise do comportamento humano en zoas transitadas
Como se pode apreciar, ademais da cantidade é reseñable a variedade de áreas temáticas, xa que ademais das habituais titulacións Informáticas, hai proxectos da Escola Universitaria Politécnica de Ferrol, do Máster en Computación en Altas Prestaciones da USC e da Facultade de Bioloxía da Uvigo. E finalmente destacar que a calidade dos proxectos é moi boa, habendo varios que recibiron a cualificación de Matrícula de Honra polos seus respectivos tribunais.
Dos 13 candidatos, hai 10 proxectos de fin de grao e 3 proxectos fin de mestrado, dos cales 10 son da Universidade da Coruña, 1 da Universidade de Santiago e 2 da Universidade de Vigo.
Noraboa a todos eles, e agardamos que esta experiencia de ter traballado co software libre lles sirva no seu futuro laboral.
Sobre o Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre
O obxectivo do premio é achegar aos universitarios galegos ao software libre, de xeito que poidan incrementar o seu coñecemento sobre este tipo de tecnoloxías e abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación.
Dada a orientación deste premio aos estudantes do Sistema Universitario Galego, a Amtega conta coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG e integra, ademais, a todos os axentes do ecosistema do software libre galego.
