A Asociación KDE España organiza un ano máis a Akademy-es, a reunión hispana de usuarios e desenvolvedores de KDE. Este ano a coorganización correrá a cargo de Itsas, o grupo de Software Libre da UPV/EHU (Universidade do País Vasco) coa colaboración do Departamento de Cultura do Goberno Vasco. Celebrarase os días 7, 8 e 9 de maio na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Bilbao.
Durante o evento realizaranse charlas, obradoiros e outras actividades (saídas, ceas, …) coas que se pretenden acadar os seguintes obxectivos:
- Pór en contacto a desenvolvedores de KDE de toda España, para que poidan falar dos proxectos nos que están a traballar, compartir código, experiencias e coñecementos.
- Informar a profesores e estudantes universitarios das capacidades e vantaxes de KDE, para promover o desenvolvemento de Proxectos Fin de Carreira relacionados coa súa plataforma e impulsar o crecemento da comunidade.
- Dar a coñecer o proxecto KDE como contorno de escritorio e desenvolvemento a persoas sen perfil técnico.
Ademais do anuncio oficial da Akademy-es 2010, a organización xa abriu o prazo de inscrición para participar na reunión, así como o prazo de proposta de actividades ou “Call for papers”.
Os interesados en propoñer actividades só teñen que enviar un correo electrónico a akademy-es-2010-org@kde-espana.es antes do 16 de abril cun breve resume da presentación, tendo en conta as seguintes consideracións:
- Pode escollerse entre dous formatos de charlas:
- Relatorios de 50 minutos.
- Charla breve de 10-15 minutos para presentar brevemente diferentes proxectos.
- Se a duración das charlas propostas non se axusta a algún destes esquemas (por exemplo, se precisa máis tempo), isto debe indicarse claramente na comunicación.
- Permitirase a KDE España a distribución baixo unha licenza libre de todo o material empregado para a realización da actividade, así como a gravación da mesma.
- A charla pode ser tanto a nivel de usuario como de nivel técnico.
Os traballos aceptados publicaranse o día 23 de abril de 2010.
Fonte: Kde España
