Mancomún

Apache OpenOffice 3.4, de XFCE 4.10, e Tupí dispoñibles en galego grazas ao Proxecto Trasno

Xoves, 10 Maio 2012

Logotipo de TrasnoTrasno informa que grazas ao esforzo e traballo de diversos membros do Proxecto Trasno están dispoñibles en galego:

Apache  OpenOffice 3.4 Logotipo de XFCE Logotipo de Tupí

  • A suite ofimática Apache™ OpenOffice 3.4
  • O contorno de escritorio lixeiro XFCE 4.10 e
  • A aplicación de animación 2D Tupí 

Apache™ OpenOffice 3.4

Apache  OpenOffice 3.4Apache OpenOffice 3.4, primeira versión do OpenOffice baixo o goberno da Apache Software Foundation, sae á luz logo de máis dun ano dende a publicación da última versión, e do período de inactividade do proxecto debido aos importantes cambios na gobernanza do mesmo logo da doazón do proxecto por parte de Oracle á Apache Foundation. Esta nova versión é, pois, un fito transcendental para o OpenOffice despois dun ano de traballo en silencio e cando todo indicaba, tras o abandono de Oracle, que o proxecto OpenOffice podía darse por pechado.

Apache OpenOffice segue a ser unha das principais suites de ofimática de escritorio con licenza libre con máis de 100 millóns de usuarios en todo o mundo tanto domésticos, empresas, gobernos, investigadores e ambientes académicos.

A comunidade de tradutores de software ao galego anuncia orgullosamente que o galego está entre o reducido número de 15 idiomas nos que se ofrece unha versión nativa completa de Apache OpenOffice 3.4.

Entre os principais cambios nesta versión destacan o cambio á licenza Apache 2, inicio máis rápido, melloras no cifrado dos documentos, melloras na exportación ao formato RTF e na compatibilidade cos documentos en formato Docx, novas funcionalidades na folla de cálculo, melloras no emprego de gráficos, con capas de liña, transformacións de cizalla e compatibilidade nativa para Scalable Vector Graphics (SVG) …

Pódese ler a nota completa do lanzamento en galego no blogue adicado á tradución ao galego das suites ofimáticas.

XFCE 4.10

Logotipo de XFCEA última versión estable de Xfce, a versión 4.10, está dispoñible case integramente no idioma galego, chegando desta volta ao 94% prestando especial atención á calidade e coherencia da tradución.

Xfce é un contorno de escritorio para Unix e outros sistemas operativos baseados nel como Linux, Solaris ou BSD ao igual que os coñecidos GNOME ou KDE. A diferencia máis importante con estes é que se trata dun escritorio rápido e lixeiro que mantén ao mesmo tempo especial coidado no aspecto visual e na facilidade de uso.

Entre as novidades máis importantes desta nova versión de Xfce atópanse un novo buscador de aplicativos, melloras nas posibilidades de disposición dos paneis, un novo editor de tipos MIME que permite asociar de forma sinxela os aplicativos que abren cada tipo de ficheiro, visualización de miniaturas, melloras nos diálogos de configuración, inicio de aplicativos desde o escritorio cun só clic ou a inclusión da posibilidade de dispor as xanelas nun mosaico e melloras no intercambio de xanela. Na nova da publicación pódense descubrir o resto de novidades incluídas nesta última versión.

Ademais o proxecto Trasno tamén acaba de publicar a memoria de tradución en formato estándar TMX (Translation Memory eXchange) correspondente á tradución desta última versión de Xfce, incluíndo as traducións da interface de usuario e da axuda do núcleo e dos seus compoñentes. Esta memorias de tradución inclúen os cambios realizados nas traducións para reflectir os últimos acordos de terminoloxía adoptados nas Trasnadas impulsadas polo Proxecto.

TUPI

Tupí, o novo software libre de animación en 2 dimensións (2D), está sendo traducido Logotipo de Tupíao galego. A arte da animación achégase a nós grazas ao traballo do trasnego Miguel Bouzada que fixo a localización da interface e está traducindo os tutoriais e manual.

Tupí, é un proxecto brasileiro derivado do proxecto KtooN, que ofrece unha ferramenta de autoría e deseño dirixida a artistas dixitais da animación en dúas dimensión, cunha coidada interface pensada para nenos dende 8 a 100 anos.

O proxecto de desenvolvemento baséase no modelo do software libre, tanto para o software como para os contidos desenvolvidos, arredor da cal se está creando unha comunidade mundial de artistas, desenvolvedores e co apoio de empresas e institucións. Ao ser un proxecto nacente, está nun momento de máxima receptividade a innovacións e desenvolvementos como a posibilidade de traballo colaborativo simultáneo nun mesmo proxecto de animación.

Tupí pódese descargar gratuitamente dende a web do proxecto estando dispoñible o código fonte así como paquetes non oficiais para Debian/Ubuntu. Ademais fornecen instrucións para a compilación para sistemas MacOSX. Polo momento non está dispoñible para a plataforma Windows, pero prevén facelo para o que solicitan a axuda de todos os interesados facendo unha doazón ao proxecto.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal