Mancomún

Aplicativo para a composición musical en Linux

Martes, 18 Agosto 2009

LMMS é un aplicativo libre e multiplataforma para a creación musical profesional cunhas características similares aos coñecidos GarageBand para OSX e Fl_studio para Windows. Está deseñado para facilitar ao máximo o proceso de composición musical mediante un computador. Incorpora repeticións musicais predefinidas, pistas MIDI, así como outros materiais listos para seren empregados inmediatamente na creación de pezas musicais.

Pantalla do LMMSLMMS combina un DAW (digital audio workstation) lixeiro con editores para a composición de material musical, incluíndo un editor beat/bassline, un teclado de piano para a escritura de partituras MIDI, e un editor de cancións para organizar o material en composicións máis complexas.

O DAW inclúe un mesturador de efectos para 64 canles e é compatíbel con estándares como SoundFont2, VST(i), LADSPA, GUS Patches, e MIDI, e permite importar ficheiros MIDI e FLP (Fruityloops® Project).

Dispón dunha ampla documentación de axuda no seu wiki así como abundante material de exemplo para que os novos usuarios poidan realizar os seus primeiros experimentos musicais. Ademais conta cunha plataforma na que calquera pode compartir os seus traballos realizados con LMMS.

Este aplicativo está dispoñíbel na maioría dos repositorios das principais distribucións Linux, aínda que non sempre na súa última versión. Dende a páxina do proxecto é posíbel descargar tanto o código fonte para compilalo como os paquetes para certas distribucións Linux e o binario para Windows.

Finalmente outra opción para probar tanto este aplicativo como outros é empregar a distribución Musix.

Fonte: LinuxJournal

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal