Mancomún

Aplicativos en software libre para edición de vídeo

Mércores, 14 Xaneiro 2009

Se cada día que pasa usas máis o software libre para traballar,  quizais te propuxeches usalo tamén para editar os teus vídeos. Cada vez hai máis programas de código aberto para realizar toda clase de tarefas, pero escasean as ferramentas dedicadas á edición de vídeo. A súa complexidade e o feito de que moitos dos arquivos de vídeo estean protexidos por patentes non facilita as cousas, pero neste artigo explicámosche de que forma podes editar vídeo sen recorrer a programas comerciais.

Para Linux
Se nos centramos no software dispoñíbel para as distribucións de Linux, de entre o puñado de programas que existen, tres destacan por ser os que menos quebraduras de cabeza crearán ao afeccionado e ao profesional.

  • Kdenlive. Este programa de edición multipista é o único a día de hoxe para Mac que conta coa posibilidade de traballar con vídeo de alta definición e é o que usa o contorno de traballo máis similar ao da inmensa maioría de programas comerciais. Ao seu favor ten tamén que recoñece bastantes formatos de vídeo e é compatíbel con bastantes cámaras domésticas e profesionais. Por contra, non é do todo estábel polo que non é estraño que saia de forma inesperada en plena montaxe, polo que para moitos usuarios resulta impracticábel.
  • PiTiVi. Esta ferramenta é de menor potencia que a anterior, pero segue sendo multipista e tamén é máis sinxela e relativamente estábel. Non acepta moitos formatos de vídeo pero combinándoo con Avidemux para converter os vídeos resulta interesante.
  • Kino. Se traballas unicamente con arquivos DV ou AVII e non desexas complicarte a vida, Kino é bastante estábel, sinxelo, e importa sen problemas o vídeo en bruto da maioría de videocámaras. Por contra, só permite editar nunha única pista.
  • Outros dous programas bastante completos, pero complicados de aprender, son Cinelerra, do que existe un grupo en Vimeo para que comprobes do que é capaz, e Open Movie Editor. O primeiro é o máis avanzado, até o punto de que pode ser utilizado para fins profesionais.

Windows e Mac OS X
En Windows é posíbel usar VirtualDub e Avidemux, este último tamén dispoñíbel para Mac e Linux. Con eles podes facer sinxelas edicións de vídeo nunha única pista. Os dous son bastante rápidos e útiles para realizar montaxes pouco complexas. Pola contra, a súa interface é bastante basta e dan algúns problemas á hora de traballar con distintas clases de ficheiros.

  • Avidemux é ideal para converter ficheiros a formatos compatíbeis coa PSP, o iPod, vídeo para internet ou DVD. Outra alternativa para os tres sistemas operativos é Jahshaka, un editor avanzado con bastantes efectos especiais que, con todo, é complicado de utilizar.

Fonte da nova:
http://www.soitu.es/soitu/2009/01/09/vidadigital/1231523482_186517.html

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal