No portal LinuxLinks.com fan unha boa análise de 5 aplicativos libres de alta calidade para a recuperación de datos.
Os datos son un activo vital en moitas organizacións, polo que moitas delas fan uso de servizos profesionais de recuperación que habitualmente teñen un custe moi elevado. Mais isto último é un handicap para pequenas empresas que non poden permitirse a contratación destes servizos. Neste caso unha boa estratexia consiste na elaboración dun plan de salvagarda e recuperación baseado no uso de ferramentas libres que vaia máis alá da realización de copias de seguranza e salvagarda da información de particionado do disco duro. E aquí é onde é recomendable o estudo e familiarización cos aplicativos presentados neste artigo para estar preparados ante unha eventual situación de crise.
Calquera administrador de sistemas cunha traxectoria profesional máis ou menos extensa, de seguro que nalgunha ocasión tivo que enfrontarse á necesidade de recuperar datos dende un dispositivo de almacenamento danado ou corrupto. Aínda que as principais distribucións Linux realizan análises de rutina para identificar e reparar inconsistencias nos sistemas de ficheiros, non é prevención, suficiente, xa que estas análises non son quen de detectar problemas de hardware que poden existir durante certo tempo ata os seus efectos seren notables para o usuario.
Os 5 aplicativos analizados teñen licenza GPL e son gratuítos.
- Mondo Rescue Ferramenta que fai copia de seguranza dun servidor Linux ou dunha estación de traballo a cinta, CD-R, CD-RW, NFS ou nunha partición dun disco duro. No caso dunha catastrófica perda de datos, será posible restaurar todos os datos. Mondo é compatible con LVM, RAID, ext2, ext3, JFS, XFS, ReiserFS, VFAT. Permite axustes na xeometría do disco, incluíndo a migración de sistemas non-RAID a RAID. Mondo funciona na maioría das distribucións Linux e mellora día a día. Mesmo é posible empregala para facer copias de seguridade de particións non-Linux como NTFS.
- TestDisk Trátase dunha ferramenta que axuda a recuperar particións perdidas e/ou volver facer que unha partición sexa iniciable cando os síntomas son debidos a un fallo de software, a certos tipos de virus ou a un erro humano. O aplicativo é compatible con sistemas operativos como Linux, BSD (FreeBSD, NetBSD, OpenBSD), Mac OS X, SunOS, Microsft Windows, e DOS.
- safecopy Ferramenta que trata de extraer a máxima cantidade posible de datos dun dispositivo con problemas de acceso (por exemplo, sectores defectuosos) pero no que se poidan facer buscas. As fontes pode ser tanto dispositivos extraíbles como particións de discos duros. Este aplicativo ten como vantaxe que é quen de continuar coa recuperacións aínda cando existen erros de I/O que deterían a operación doutras ferramentas.
- PhotoRec Ferramenta deseñada para a recuperación de ficheiros perdidos das memorias das cámaras dixitais (CompactFlash, Secure Digital, SmartMedia, Memory Stick, Microdrive, MMC, DD rw image, USB flash drives etc.), discos duros e CD/DVD. Recupera os formatos de fotos máis comúns como JPEG; ficheiros de audio dixital como MP3; formatos de documentos como Microsoft Office, PDF e HTML, e formatos de arquivo como ZIP. O aplicativo recupera ficheiros dende sistemas de ficheiros ext2, ext3, FAT, NTFS e HFS+.
- ddrescue Ferramenta de recuperación de datos de GNU que copia datos dun ficheiro ou dispositivo hardware ata outro lugar, facendo o esforzo de restaurar os datos en caso de aparecer erros de lectura de forma automática. Con dúas ou máis copias danadas dun ficheiro, ddrescue debería ser capaz de reconstruílo completamente sen erros.
Ademais dos aplicativos mencionados, tamén existen distribucións Linux específicas como SystemRescue CD que incorporan aplicativos para a recuperación de datos entre outras ferramentas de axuda para a administración de sistemas.
Fonte: LinuxLinks.com
