Mancomún

Aplicativos para traballar con cámaras web en GNU/Linux

Martes, 6 Outubro 2009

Atopamos na páxina brighthub.com un curioso artigo no que se nos presentan varios aplicativos que funcionan en GNU/Linux para traballar con cámaras web. Estes aplicativos van dende aplicativos para engadir efectos ás nosas imaxes ata a vixilancia doméstica, pasando por módulos do servidor web Apache.

Vexamos a continuación o que o autor cataloga como os usos máis comúns e máis creativos das cámaras web en GNU/Linux, e os aplicativos que fan posíbeis estes usos.

Cheese

Cheese naceu dentro do Google Summer of Code do 2007, e agora forma xa parte do escritorio GNOME. Cheese permite sacar fotos ou vídeos dende a cámara web e aplicarlles divertidos efectos especiais. Existen complementos opcionais de exportación para Cheese que permiten facer cousas como enviar as imaxes rapidamente a Flickr, exportar as imaxes a través de F-Spot…
ZoneMinder

ZoneMinder é un software para cámaras web deseñado para un aplciativo de vixilancia doméstica. Inclúe características fantástica, que non se poden atopar nin en aplicativos comerciais. Estas características inclúen:

  • Capacidade para engadir tantas cámaras como queiramos, independentemente da súa conexión. Podemos engadir unha cámara USB para controlar o noso dormitorio, e varias cámaras IP para controlar outros cuartos, o garaxe…
  • Comprobar todos os estados dos monitores cun simple “click”. A información recollida por todas as cámaras mostrarase nunha única xanela.
  • Comprobar os dez últimos eventos que o programa rexistrou para cada cámara.
  • Pódese configurar a detección de movemento para cada cámara, e configuralas para comezar a gravar cando detecte o movemento. Incluso se poden configurar zonas nas que se ignorará o movemento detectado.
  • Compatibilidade coas funcións de zoom, etc da cámara

Webcam

Un nome sinxelo para unha extensión do servidor web apache que permite a captura de imaxes dende unha cámara e a subida automática a unha páxina web. Para configurar Webcam e Apache, precisará certos coñecementos de servidores…

HasciiCam

Se o que quere é liberar ao friki que leva dentro, HasciiCam é para vostede. Este aplicativo captura imaxes dende a súa cámara e gárdaas no disco en formato de texto plano. Con este sistema, poderiamos configurar unha páxina web que refresque o contido cada certo tempo, conseguindo “emitir vídeo” que non necesita de ningún complemento no navegador para funcionar.

Como ben di o autor do artigo, estes son só os nosos preferidos, pero existen moreas de aplicativos para usar coa cámara web . Simplemente buscando “webcam” ou “camera” no noso xestor de paquetes atoparemos, teremos dispoñíbeis ducias de aplicativos.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal