GALPon inaugurará o 3º ciclo de Sábados Libres na Altamar o vindeiro sábado 31 de xaneiro cun obradoiro de Arduino: “Programación de Arduino & Arduino Connect”. Este obradoiro estará dirixido por Guillermo Cordeiro, socio de GALPon e técnico de sistemas.

Por terceiro ano consecutivo, GALPon inicia así a programación do seu 3º ciclo de Sábados Libres na Altamar que se desenvolve o último sábado dos meses de xaneiro – xuño e setembro-novembro achegando obradoiros sobre tecnoloxías libres a todo aquel que se queira achegar.
Estes obradoiros son todos de carácter gratuíto, abertos ao público en xeral, estando limitadas as prazas por motivos de aforo e a efectos de garantir o correcto seguimento por parte dos asistentes. Por esta razón é obrigatorio formalizar a inscrición previamente á asistencia a través dos respectivos formularios de inscrición que GALPon habilita puntualmente co anuncio de cada obradoiro.
Programación de Arduino & Arduino Connect
Este obradoiro celebrarase, como vén sendo habitual na Residencia Altamar, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.30 horas podendo prolongarse o remate en función dos contidos e a participación.
O programa é o seguinte:
- Presentación da plataforma de hardware libre Arduino.
- Iniciación ao entorno de programación «procesing».
- Realización dos distintos exemplos dispoñíbeis na páxina de Arduino.
- Escritura nunha saída dixital (acender un led)
- Lectura nunha entrada dixital (probas cun premedor)
- Lectura de valores analóxicos (sensor de temperatura lm133)
- Escritura PWM nunha saída dixital (facer soar un zumbador)
- Titorial das diferentes «shields» que existen para Arduino.
- Exemplos de proxectos que se apoian nesta plataforma.
- Proxecto RepRap
- PrintBot
- QuadCopters.
- Openpipi
- Micro satélites.
- Opendomo / CanBus
- Lottie Lemon
- Integración con outras plataformas
- Android
- Raspberry
A organización disporá de elementos Arduino para as prácticas por parte dos asistentes, mais, quen queira, poderá levar o seu propio material.
Inscricións:
Aínda que a asistencia é de balde, a fin de poder respectar a capacidade máxima do espazo e prever os medios técnicos, é OBRIGATORIO inscribirse no correspondente formulario
Pode seguirse a evolución no «evento» no G+
Programación do 3º ciclo de obradoiros
A continuación inclúese a información dispoñible sobre os obradoiros que se celebrarán durante este ano, tanto aqueles con datas confirmadas, como aqueles que aínda están pendentes de pechar.
Obradoiros confirmados
- Xaneiro, 31 ─ Programación de Arduino & Arduino Connect
- Febreiro, 28 ─ Primeiro Editatón da Galipedia, coordinado e dirixido polos administradores da galipedia.
- Marzo, 28 ─ Seguridade nas comunicacións e nas transaccións en entornos libres. Cifrado e descifrado de correo electrónico con GnuPG, dirixido por Julio J. Herrero Arias (aka julher) e Sinatura electrónica con @firma, ecofirma e DNIe en entornos libres, dirixido por Chema Casanova (@txenoo), socio de Igalia e asesor de tecnoloxías libres para a administración pública.
- Abril, 25 ─ Cociñando ROM, Android, Cyanogen, Kitchen, apk-tool, Genimotion, …, a cargo de Manuel Cogolludo (@makova), técnico da Oficina de Software Libre da Universidade de Granada.
- Maio, 30 ─ Proxecto de automática/robótica con Hw Libre patrocinado por GALPon, a cargo do grupo PatacaLabs (@patacalabs) do CPI Alcalde Xosé Pichel (Traba, Coristanco, A Coruña). Alumnos con idades entre 14 e 17 anos e baixo a dirección do profesor Tucho Mendez (@procastino).
- Xuño, 27 ─ Tratamento dixital de imaxes (fotografía) en entornos libres, a cargo de Andrés Bott fotógrafo profesional, usuario de Software Libre socio de GALPon.
- Setembro, 26─ Construción dunha impresora 3D Prusa I3 Hephestos, a cargo do grupo de makers de GALPon .
Obradoiros aínda por concretar:
- Festa dos mapas (Mapping Party) de OSM
- Drupal ─ Migración desde v7 cara v8
- Bases de datos NoSQL
Podedes consultar máis detalle no wiki de actividades de GALPon.
