Mancomún

Arranca o X Ciberencontro Concello de Mugardos – Kernel 2013

Venres, 20 Setembro 2013

Cartel do Kernel 2013Dende hoxe e ata o domingo, celébrase o "X Ciberencontro Concello de Mugardos – Kernel 2013" na Casa da Cultura do Concello de Mugardos.

Para os que aínda non coñezan o Kernel, trátase dun evento lúdico-tecnolóxico que se celebra en Mugardos dende o ano 2004, organizado conxuntamente pola Asociación Comunidade O Zulo e o Concello de Mugardos, onde todos teñen cabida, dende rapaces de 15 anos ata universitarios/as, electricistas, informáticos …

Logotipo do Software Freedom DayComo en todas as edicións, o Software Libre ten un espazo de seu no Kernel, habendo numerosas actividades no programa do Kernel. Así, hoxe, a partir das 20:30 horas terá lugar o Drupal BoF, unha reunión informal na que os asistentes compartirán experiencias sobre o xestor de contidos libre Drupal, e ás 22:00 horas será a quenda da Raspeberry Party. Mais o plato forte é mañá sábado 21 de setembro de 2013, cando a partir das 12:00 terá lugar, como xa vén sendo habitual nos últimos anos, a celebración do "Día da liberdade do software" conxuntamente con GALPon, co seguinte programa:

A organización anima a todo ao que lle guste o relacionado coa tecnoloxía, os xogos, a rede internet, … a asistir ao Kernel 2013: o evento tecnolóxico máis geek de Ferrolterra!.Para ter praza é preciso inscribirse máis non é necesario para acudir aos relatorios.

Día da liberdade do Software

Trátase dunha celebración a nivel mundial adicada á exaltación, difusión, promoción, … do Software Libre, que se vén celebrando o terceiro sábado de setembro dende o ano 2004. O principal obxectivo é concienciar ao público sobre os beneficios de empregar este tipo de tecnoloxías de alta calidade tanto en ámbitos empresariais como en administracións públicas, educativas ou nos fogares. A organización sen arela de lucro "Software Freedom International" coordina esta celebración a nivel global dando soporte e puntos de colaboración ao evento, pero son realmente os voluntarios e os asistentes os que axudan a que esta celebración teña impacto nas comunidades.

En resume, é un día especial para insistir nas bondades do software libre e deixar ver que se trata dunha tecnoloxía madura e de calidade capaz de ofrecer solucións en calquera ámbito.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal