Mancomún

Arrinca en Lugo a Ludus Party .Net 2008

Venres, 5 Decembro 2008

Mancomún intervirá no encontro cunha presentación do metapaquete Araos

Os amantes da informática teñen este fin de semana unha cita inexcusable na cidade de Lugo, onde, dende esta tarde e até o vindeiro 8 de decembro, terá lugar a Ludus Party .Net 2008. A terceira edición deste encontro prevé reunir na Feira de Mostras e Exposicións de Lugo a preto de 650 persoas, as cales poderán participar dos obradoiros, xogos, concursos e conferencias preparadas pola organización.

O software libre, como en anos anteriores, terá un apartado de especial relevancia. O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza participará no encontro para impartir unha charla sobre oa adaptación de Ubuntu GNU/Linux do araOS. Óscar García, técnico e desenvolvedor de Mancomún, achegará aos asistentes as características técnicas do produto, pero sobre todo o seu valor de usabilidade.

Tamén no apartado de tecnoloxías libres artellarase unha batalla con “Real Time Battle”, un xogo de intelixencia artificial no que se debe programar o comportamento dun robot para que loite contra outros, programados á súa vez por outras persoas.

Ademais do software libre, a Ludus Party .Net 2008 abordará outros temas como a arte dixital, o hardware, a dobraxe de películas, Livemotion ou Air Guitar. Tamén terán lugar presentacións de produtos, xogarase a títulos coma Counter Strike, Mario Kart Wii, PES 2009, Quake III Arena, Warcraft III e Trackmania, e mesmo se agarda un concerto do DJ lugués Dr. Think.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal