Hoxe facémonos eco dun completo artigo no que Mark Bohannon, Vicepresidente de Políticas Públicas Globais e Asuntos de Goberno de Red Hat, repasa a política de software libre da Administración Americana.
Neste artigo reflexiona sobre se o cambio de administración con motivo das próximas eleccións suporá un cambio nesta política, chegando á conclusión de que realmente houbo un cambio na última década e que agora o debate non é se usar software libre ou non, senón como facelo, xa que o primeiro xa está totalmente instaurado.
Proba deste cambio é a Federal Source Code Policy, que vén de ser publicada recentemente, e na que se fai énfase no emprego de software libre, non só para reducir custos senón como política de innovación e beneficio público.
Os obxectivos marcados por esta política son os de reducir o desenvolvemento de software propio o máximo posible, apostando polo software libre, e nos casos nos que non sexa posible, liberar os desenvolvementos propios, para favorecer a súa reutilización. Para isto cada axencia gobernamental debe publicar como software libre polo menos o 20 por cento do software que desenvolve cada ano. As propias axencias son as que elixen que software liberar pero priorizando sempre aquel que ten máis posibilidades de ser reutilizado. Aínda que o obxectivo marcado é o do 20 por cento, anímase ás axencias a liberar todo o software posible.
