Mancomún

As empresas Balidea e Frutos secos El Nogal fálannos da súa experiencia na implantación de OpenERP/Odoo

Venres, 30 Xaneiro 2015
  • Balidea e Frutos secos El Nogal, da man dos seus provedores Pexego e Anubía, son dous casos de éxito de uso da solución de xestión empresarial Odoo (OpenERP).
  • Modularidade, adaptabilidade e escalabilidade son os aspectos destacados de Odoo (OpenERP) por parte de clientes e provedores.
  • O Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia é o punto de referencia para identificar solucións tecnolóxicas e provedores en Galicia é fonte de  información para a elaboración destes artigos de difusión tecnolóxica.

Odoo (anteriormente coñecido como OpenERP) é a solución escollida para o segundo artigo de difusión tecnolóxica publicado hoxe no portal: Solucións de planificación e xestión dos recursos empresarias (ERP) con Software Libre: Odoo/OpenERP.

Odoo, coñecida como OpenERP ata o pasado ano, naceu como unha solución libre para a xestión empresarial, aínda que co paso do tempo foi evolucionando e adaptándose ás novas necesidades dos seus usuarios, converténdose hoxe en día nunha completa suite de aplicacións de negocio.

Logo de El NogalLogo de BalideaFalamos con Frutos secos el Nogal e Balidea que actualmente están empregando Odoo. 

Logo de PexegoLogo de AnubíaFalamos tamén cos seus respectivos provedores, Pexego e Anubía, que achegan a súa experiencia como partners experimentados na implantación e desenvolvemento de Odoo.

Usuarios e provedores destacan a modularidade, adaptabilidade e escalabilidade de Odoo

Tanto Frutos secos el Nogal como Balidea destacan como factor clave da elección a modularidade e adaptabilidade da solución. Isto permitiulles integrar nunha única solución todos os seus procesos de xestión e adaptar a solución ás particularidades dos mesmos, e non ao contrario tendo que adaptar os procesos aos fluxos e particularidades da solución, como soe ser preciso no caso de empregar grandes e monolíticas solucións pechadas e privativas . Outro dos aspectos que tamén valoraron foi a forte e activa comunidade de desenvolvedores e a existencia de provedores próximos.

Pola súa parte, Pexego e Anubía, coinciden así mesmo en destacar a adaptabilidade e escalabilidade da solución, que a fan apta para calquera tipo de empresa, dende un autónomo ata unha gran compañía.

Recomendamos ler o artigo completo para coñecer de primeira man as funcionalidades de Odoo, as opinións das empresas que o estan usando , e as recomendacións dos provedores expertos.

Artigos de difusión tecnolóxica

Como xa comentamos a raíz da publicación do primeiro artigo sobre a solución owncloud, o obxectivo dos mesmos é contribuír a paliar uns dos principais problemas das nosas empresas á hora de implantar solucións tecnolóxicas con licenza libre, o descoñecemento das solucións existentes e a percepción da falta de provedores.

Recomendamos pois ler o artigo completo para coñecer de primeira man tanto as impresións das empresas usuarias respecto desta solución como a opinión dos especialistas.

O Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia é o principal punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.

Por suposto, a colaboración das empresas será sen dúbida imprescindible, tanto á hora de contar con casos de éxito como de identificar provedores.

Ademais estamos abertos a recibir suxestións de artigos de difusión tecnolóxica sobre solucións libres. Tanto se es unha empresa tecnolóxica como doutro sector podes remitir propostas de temáticas de interese ou solucións concretas a través do formulario de contacto do portal mancomún, ou do contacto da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega ou contactando co propio CDTIC.

Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia

Para finalizar lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas.

Se vostede é unha empresa do sector TIC e está interesada en dar a coñecer as súas solucións TIC lembrámoslle que ten á súa disposición os servizos do Centro Demostrador TIC de Galicia, no que por exemplo poderá solicitar realizar unha sesión demostradora nas instalacións do centro.

Se vostede é unha empresa de calquera sector produtivo e ten interese en coñecer solucións tecnolóxicas que cubran as súas necesidades, ten á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas que vostede ou a súa empresa poidan ter e que estean vinculadas coas TIC.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal