O encontro, baixo o título “Xornada de traballo sobre a implantación de solucións libres para a PEME”, reuniu a representantes de preto de 20 empresas galegas
|
![]() |
O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún, reuniuse o pasado xoves cos representantes das empresas TIC galegas para definir as prioridades que deben establecerse na promoción das tecnoloxías e os estándares abertos de cara a súa implantación efectiva entre a pequena e mediana empresa de Galiza. A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, acompañada do coordinador de Mancomún, Xesús Manuel Benítez Baleato, presidiu a xornada de traballo, na que os asistentes tiveron ocasión de avaliar os resultados acadados co compilación de ferramentas informáticas de licenza libre “DVD Ferramentas Informáticas para a PEME”, creada por Mancomún hai xa un ano; así como de valorar a necesidade de reorientar algunhas das aplicacións recollidas neste.
Helena Veiguela inaugurou o acto facendo balance do produto e demostrando con cifras que o “DVD ferramentas informáticas da PEME” é unha iniciativa que está a superar amplamente os obxectivos marcados inicialmente. Segundo indicou a directora xeral, no ano de existencia repartíronse máis de 6.000 unidades a petición de distintos colectivos empresariais, de centros de formación ou mesmo de usuarios finais. Cifra á que se suman os centos de descargas realizadas por programas dende a páxina de peme.mancomun.org.
Non obstante, e a pesar dos éxitos recollidos, a Dirección Xeral a través de Mancomún quixo coñecer de primeira man a opinión das empresas co propósito de xerar, en base ás súas propostas, unha ferramenta verdadeiramente útil e eficaz, capaz de xerar unha demanda que impulse o fortalecemento e consolidación do tecido TIC galego. Unha ferramenta á que Mancomún achegou nesta ocasión dúas novas propostas: o Plan de Capacitación TIC e o prototipo da Intranet da PEME.
En relación a esta iniciativas, os asistentes, procedentes de preto de 20 empresas TIC de toda Galiza, fixeron unha valoración moi positiva e incitaron á Administración Pública a continuar por esta liña, recollendo as súas propostas de melloras. Segundo isto, Mancomún creará un novo produto no que se manterán as ferramentas de escritorio ofimático e se substituirán as aplicacións de maior complexidade por información en formato multimedia complementándose cando sexa posible con demos on-line. O inventario do software instalable incluído no DVD podería quedar conformado por: OpenOffice.org , Firefox , Thunderbird, GIMP, Pidgin, Sunbird, VLC, 7zip e Openproj.
Ademais, foi de especial relevancia a participación do responsable de BrOffice.org, Claudio F. Filho, así como do presidente da Asociación de empresas Galegas de Software Libre (Agasol), Javier Vázquez, ou membros da Asociación de Compañías Portuguesas para o Software de Código Aberto (ESOP), Gustavo Homem e Paulo Vilela.
Helena Veiguela xustificou este ampla representación asegurando que “é fundamental que nun sector en continuo desenvolvemento tecnolóxico se sumen esforzos para fortalecer o sector industrial a través de solucións libres”.
A este respecto, Claudio F. Filho, en calidade de convidado propuxo reorientar o negocio do software libre á presentación de solucións para o cliente e buscar a súa masificación a través de distintas vías de difusión. Tamén na mesma liña, o presidente da ESOP, Gustavo Homem, puxo enriba da mesa resolver as cuestións referentes ao marketing e a promover encontros sectoriais como estratexia de comunicación.
Dende unha perspectiva máis próxima ao contexto galego, Javier Vázquez animou a obter pistas relevantes por parte das empresas e propuxo continuar con estas iniciativas dándolle soporte ás empresas dende a Administración Pública e consolidando a rede de empresas formada en torno a AGASOL.
Neste sentido, o coordinador de Mancomún, resaltou que se “trata de destacar o protagonismo que as empresas de base tecnolóxica galega deben ter na definición destas iniciativas de promoción e capacitación, establecendo con elas mecanismos de interlocución directa que faciliten a conciliación dos distintos intereses en xogo."
DVD da PEME
O “DVD Ferramentas Informáticas para a PEME” é unha compilación con ferramentas informáticas de código aberto, gratuítas e en galego dirixidas a satisfacer as necesidades informáticas da PEME galega.
Cos programas contidos neste DVD calquera empresa pode dispor de aplicacións para manexar a súa contabilidade, xestionar os seus recursos, levar a súa comunicación interna e externa para, en definitiva, integrarse nun modelo empresarial baseado no coñecemento e as TIC cun custo cero e na nosa lingua.
O DVD foi presentado en novembro de 2007 por Mancomún, polo que este encontro celébrase cumprido un ano do seu lanzamento.
Intranet da PEME
No transcurso do acto presentouse o prototipo da “Intranet da PEME” unha ferramenta para favorecer a implantación de redes de traballo baseadas en SwL (instalación dun servidor central para a xestión de usuarios, compartición de ficheiros…), tanto na pequena e mediana empresa como para a Administración.
O enfoque aplicado para a súa programación recibiu a aprobación de todos os asistentes ao considerarse adecuada a súa orientación cara á redución nos custes de implantación e mantemento -de grande interese para a MicroPEME- e tamén pola súa escalabilidade, abrindo a porta para migracións masivas de software libre mesmo en contornos complexos como poida ser o da Administración Pública.
Este prototipo, denominado Monifate, foi elaborado por Mancomún en colaboración coa empresa Allenta.
Plan de capacitación TIC
Así mesmo, foi presentada a documentación xerada no marco do Plan de Capacitación TIC, cuxa iniciativa piloto foi levada a cabo por Mancomún o pasado mes de xuño co propósito de formar aos asistentes na implantación e o soporte de ferramentas de SwL.
En relación ao Plan de Capacitación TIC considerouse acertado tanto no enfoque como na profundidade dos contidos tratados. Non obstante confirmouse a súa maior potencialidade entre as empresas implantadoras de software. Neste senso considerouse innecesario incluír formación específica sobre software de novo paradigma de xestión empresarial (ERP, CRM e similares) considerando máis adecuado delegar a formación neste software nas empresas promotoras. O borrador da Guía de Capacitación foi elaborada por Mancomún coa colaboración da empresa TEGNIX.

