- Este xoves 1 de outubro o CDTIC acolle o obradoiro OpenStreetMap: o uso da xeolocalización nas accións humanitarias e de emerxencias.
- Rafael Ávila Coya, experto contribuidor de OpenStreetMap e membro do HOT (Equipo Humanitario de OpenStreetMap) será o docente deste obradoiro.
- É a sexta xornada do Programa de Formación en Software Libre para o Terceiro Sector que está a organizar a Amtega.
O Centro Demostrador TIC acollerá este xoves 1 de outubro o seminario “OpenStreetMap: o uso da xeolocalización nas accións humanitarias e de emerxencias” que se desenvolverá en horario de 17.00 a 20.30 horas, e será impartido por Rafael Ávila Coya, experto contribuidor de OpenStreetMap e membro do HOT (Equipo Humanitario de OpenStreetMap).

Algúns exemplos de proxectos que empregan OpenStreetMap son http://mapkibera.org/, onde os habitantes desta zona traballaron conxuntamente para situala no mapa, ou este outro proxecto máis próximo a nós, que aplicou esta mesma idea a unha zona marxinal de A Coruña. O laboratorio Cartolab da Escola de Enxeñaría de Camiños da UDC colaborou coa asociación de veciños O Campanario para cartografar O Portiño, unha barriada na súa maioría de etnia xitana. Esta asociación de veciños leva toda a súa vida loitando para dignificar as súas condicións de vida e grazas a este proxecto sacaron ao barrio do seu estado de invisibilidade urbana, polo menos dende o punto de vista cartográfico.
No ámbito da Cooperación ao Desenvolvemento, OpenStreetMap ten tamén un grande impacto, como base para as actuacións no terreo. Nestes últimos anos estamos a ver o seu uso na xestión de crises humanitarias, nas que está sendo unha ferramenta clave, grazas a súa capacidade de actualización co traballo por parte de miles de voluntarios en todo o mundo. Pero ademais, é un proxecto que permite poñer de relevancia campañas de acción social dándolles un plus coas opcións de visualización que ofrecen os mapas.
Este seminario céntrase na ferramenta OpenStreetMap, coñecida popularmente como “a Wikipedia dos mapas”. Trátase dun proxecto colaborativo, que nace coa idea de conseguir unha cartografía libre de todo o planeta, que poida ser mellorada día a día coa participación de calquera persoa que queira contribuír, e que pode ser empregada como base para multitude de proxectos. Esta característica o fai un valioso recurso en labores de acción social, en proxectos de cooperación ao desenvolvemento ou na xestión de crises humanitarias.
Todo o que acontece ao noso arredor ocorre nalgún sitio, polo tanto os mapas son unha ferramenta moi potente para comunicar de xeito gráfico. Os obxectivos deste taller son pois dar a coñecer esta potencionalidade así como as ferramentas que permiten empregar e mellorar esta cartografía libre por parte de calquera tipo de organización de acción social.
Esta actividade formativa está especialmente deseñada para responsables, persoal e persoas voluntarias pertencentes a asociacións ou a entidades do terceiro sector que teñan interese na implantación de ferramentas para a mellora tecnolóxica.
Dado que as prazas son limitadas, para participar nesta xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde.
Actividades para o terceiro sector
Esta é a sexta xornada do Programa de Formación en Software Libre para o Terceiro Sector que organiza a Amtega, no marco das actividades do Programa de Voluntariado Dixital da Amtega e para o que conta coa colaboración da EAPN, Rede Galega contra a Pobreza. Trátase dun total de nove actividades especialmente pensadas para este sector da economía composto por entidades sen ánimo de lucro.
O ciclo iniciouse o pasado 10 de setembro co curso “Coñece que pode facer o software libre pola túa asociación”, ao que lle seguiron dous cursos de Drupal (un básico e un avanzado), un sobre WordPress e outro sobre Owncloud.
Para o vindeiro mes están programados xa os seguintes:
“Coñece as ferramentas libres de participación, colaboración e toma de decisións dispoñibles para o terceiro sector” (8 de outubro) que será impartida por Ana Lorenzo Vila, socia traballadora de Cidadanía desde o ano 2000 que conta cunha ampla experiencia no impulso das democracias participativas, principalmente nos ámbitos da participación cidadá nas políticas públicas e no impulso do cooperativismo.
“Aprende como xestionar a captación de fondos e a comunicación cos asociados grazas a CiviCRM” (15 de outubro) que será impartido por Alejandro Salgado, fundador da empresa iXiam, que conta con experiencia no desenvolvemento e implantación de civiCRM en entidades como Médicos sen Fronteiras ou Amnistía Internacional. No blog da empresa podemos ler un interesante artigo do Porque unha ONG debe empregar civiCRM
