Mancomún

As escolas da rexión de París empregarán software libre para os seus Espazos dixitais de traballo

Luns, 9 Novembro 2009

A administración rexional de Ile de France asinou o pasado 19 de outubro un contrato de 6 anos de duración duns 19,6 millóns de euros con Logica, Fylab e outros provedores de servizos de TI para o deseño, implementación e xestión do portal de Espazos dixitais de traballo para as escolas da rexión. 

As 471 escolas da rexión de París que van participar neste proxecto, empregarán Eliot, unha plataforma baseada en web para dotar dun espazo de traballo virtual no contorno educativo, desenvolvida por uns 60 traballadores da compañía Fylab de Touluse, fundada no ano 2000 por Franck Silvestre, un antigo profesor, e elaborada para 3 escolas da propia rexión de Ile de France.

Os Espazos dixitais de traballo son un portal ao que se accede a través dunha conexión a Internet que permitirá que os diferentes actores do proceso educativo (profesorado, estudantado, pais..) teñan un acceso seguro a un conxunto de recursos e servizos para o ensino: xestión da vida escolar (cualificacións, faltas de asistencia, boletíns…), recursos pedagóxicos (cadernos de texto, foros, espazos de traballo colaborativo, documentación, actualidade…)
A decisión de que este desenvolvemento fose libre, tomouna Jean-Paul Huchon, o presidente do consello rexional da rexión de Ile de France, tendo en conta a importancia desta revolución pedagóxica e porque desta forma, o código fonte poderá ser utilizado, modificado e distribuído de xeito gratuíto e calquera das outras rexións francesas que o desexe poderán facer uso del sen custe de licenza.

Segundo un comunicado da compañía Logica, estímase que grazas a este portal relacionaranse máis dun millón de usuarios, incluídos 400.000 nenos en idade escolar. Isto fai que sexa un dos máis grandes proxectos de código aberto de Europa.

A implantación xeral deste proxecto nas 471 escolas deberá facerse no prazo de 4 anos. A principios do 2010 comezará a posta en marcha en 60 escolas voluntarias. O traballo realizarase en estreita colaboración coas 3 academias (Paris, Créteil e Versailles) coas que se vén de firmar un convenio de colaboración.

O apoio ao uso das TIC para a educación é unha prioridade importante da rexión de Ile-de-France. O seu obxectivo é ofrecer á mocidade a oportunidade de familiarizarse coa informática en todas as súas formas a fin de contribuír á igualdade de oportunidades e á redución da fenda dixital.

Fonte: OSOR

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal