Unha comisión de coordinación técnica conciliará a labor realizada por cada un dos organimos
O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún) traballará de xeito coordinado e continuado coas tres universidades galegas. Será posible grazas ao convenio de colaboración asinado onte polo Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, cos reitores das tres universidades galegas para a creación e consolidación de oficinas de software libre en cada unha das institucións académicas.
Segundo este convenio, dotado cunha partida orzamentaria de 240.000 euros para o bienio 2008-2009, cada unha das oficinas disporá dun coordinador a tempo completo responsable da coordinación con outras oficinas de software libre universitarias e co propio Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza.
Para este efectos, fixarase o marco de coordinación e colaboración con Mancomún mediante a creación dunha comisión de coordinación técnica das actividades desenvolvidas polas entidades referenciadas.
As oficinas, ademais, deberán participar na incorporación de contidos á web de mancomun.org e colaborar na difusión das actividades e información da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.
