Grazas ao esforzo e traballo constante e altruísta da Comunidade de Tradución de Software Libre ao Galego, agrupada fundamentalmente no Proxecto Trasno, toda a cidadanía ten sempre dispoñible en galego as últimas versións dos aplicativos libres máis empregados e no mesmo momento da súa publicación na lingua orixinal.
Se noutras ocasións vos fomos dando conta da dispoñibilidade en galego de distribucións como Ubuntu, de contornos de escritorio como Gnome, ou Xfce, dos principais produtos de Mozilla ou de extensa documentación como o Libro Comezar con Ubuntu, hoxe queremos informar dos últimos avances producidos na tradución dos principais navegadores web libres, nun momento no que por primeira vez na historia, o navegador privativo iExplorer perdeu o seu liderado no mercado europeo fronte a Firefox destacando ademais o gran ascenso da cota de Chrome.

A finais do pasado mes de decembro informámosvos do fito acadado pola Comunidade de Tradución de Software Libre ao galego, a cal en tan só 10 días conseguiu traducir ao 100% o navegador Chromium, que é o proxecto libre no que se basea o cada día máis popular navegador Chrome. Grazas a este enorme traballo cando se publicou Chromium 9 o pasado día 4 deste mes, todos os galegos tiñan a posibilidade de descargalo gratuitamente e en galego.

Por outro lado, respecto dos produtos de Mozilla, despois de meses de espera podemos anunciar que finalmente o coordinador da tradución ao galego acadou a plena confianza de Mozilla no seu traballo e concedéronlle os permisos que lle faltaban para poder subir directamente as súas traducións aos repositorios. Unha vez feito isto, a comunidade de tradución de Mozilla, púxose mans á obra coas probas do futuro Firefox 4.0 para conseguir que saia en galego ao tempo que no resto de linguas.
Aquel que queira colaborar nesta labor, pode probar as compilacións diarias do Firefox beta 4.0 en galego e reportar os erros que atope na lista de coordinación da tradución.

Todo este inxente traballo que a comunidade está a facer día a día, coa constancia das traballadoras formigas e lonxe da difusión mediática, permite que poidamos desfrutar de moitas das máis avanzadas ferramentas informáticas en galego polo que non podemos por menos que darlle o noso máis sincero agradecemento e recoñecemento e animar a que todo aquel que empregue estes produtos a que colabore na medida das súas posibilidades con eles, ben informándolles de erros, ben axudando nas traducións ou simplemente escribíndolles unhas verbas de agradecemento e ánimo.
