A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica anunciou esta semana a sinatura do Convenio de colaboración para o apoio ás actividades en materia de software libre e de fontes abertas (FLOSS) nas universidades galegas. Un ano máis, a Xunta de Galicia achegará un total de 120.000€ ás universidades de A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para contribuír á consolidación das súas respectivas Oficinas de Software Libre.
A achega económica deste convenio permitirá que cada unha das 3 oficinas continúe coa excelente labor que veñen desempeñando durante estes últimos anos e que para este ano materializarase nunha serie de actuacións que cada unha das oficinas plasmou no seu respectivo plan de actuación para o ano 2011 adaptado ás necesidades e ás estratexias de promoción do FLOSS que cada unha das universidades ten detectadas e definidas. Os tres plans de actuación teñen un claro carácter continuísta respecto das actividades realizadas o pasado ano debido á boa acollida e impacto que tiveron entre a comunidade universitaria.
Oficina de Software Libre a UDC
A OSL da UDC prevé continuar coa Oficina de Software Libre móbil coa que percorren os distintos centros para achegarlles os seus servizos e comezarán a impartir cursos de formación en materia de software libre na Aula de formación libre dirixida a persoas con escasos ou nulos coñecementos sobre software libre, que estarán abertos a calquera usuario, independentemente de que sexa ou non membro da UDC.
Destaca tamén unha actividade xa iniciada nos últimos meses de 2010, aínda que non estaba recollida no seu plan do pasado ano, que é o Proxecto piloto de migración a software libre en postos base da administración da Universidade coruñesa.
Ademais manterán as súas actividades de formación e difusión tanto ao alumnado, como ao persoal de Administración e Servizos como á sociedade en xeral.
Oficina de Software Libre a USC
A OSL da USC continuará co desenvolvemento e mantemento do seu proxecto estrela que é a Ubuntu-USC, a distribución que dende o a no 2008 veñen adaptando ás necesidades da cada un dos centros da USC. Ademais do traballo de adaptación levan a cabo a implantación da mesma nas aulas de formación. Neste sentido, os obxectivos que se marcaron para este ano 2011 son acadar que cada centro da USC teña cando menos unha aula con arranque dual con Ubuntu-USC e que no resto de aulas teñan instalados un 50% de programas libres no sistema operativo Windows.
Outras accións de continuidade con respecto ás actividades realizadas o pasado ano serán o asesoramento aos membros da comunidade universitaria sobre software libre así como a difusión dos programas libres con cursos, conferencias e outras actividades formativas.
Finalmente destacar, que tamén continuarán a colaborar coa comunidade de voluntarios de tradución de software libre ao galego en proxectos como Ubuntu, Mozilla e Gnome.
Oficina de Software Libre a Uvigo
A Osluvi un ano máis desenvolverá 40 novas pílulas docentes sobre aplicativos libres, actividade que terá un alto grao de interrelación cos Grupos de innovación docente, xa creados o pasado ano, nos que profesores traballan en común sobre materias de software libre. Este ano como novidade prevese especializar estes grupos en áreas de investigación e non só na docencia. Por outra parte, a Osluvi volverá a celebrar os Días MáisQueLibres en centros ou grupo de centros afíns á Universidade para difundir o software libre e de código de fontes abertas e repetir as Xornadas empresariais sobre solucións libres para que as empresas expoñan a súa visión das TICs libres., que desta volta levarán á cidade de Vigo
Como novidade deste ano, crearán unha nova figura que actuará como representantes da oficina nos distintos centros da universidade, que serán persoas que se encargarán de informar das actividades da oficina e axudar no desenvolvemento das mesmas. Ademais, a Osluvi elaborará material para a formación en tecnoloxías libres certificado pola oficina.
Fonte: Xunta de Galicia
