De todos é coñecido que a tradución ao galego do Thunderbird 3.0 ten un erro que provoca que o aplicativo se peche de forma inesperada ao tentar traballar con contas de correo IMAP, sendo polo tanto un grave inconveniente para a nosa comunidade xa que non é posible facer uso desta nova característica da versión 3.0 usando o aplicativo en galego.
Por esta razón, dende Mancomún estivemos traballando na procura do problema e na súa posible solución. Non foi unha tarefa sinxela atopar o erro xa que podía estar en calquera das cadeas traducidas, podería deberse a un problema dunha mala codificación nalgún ficheiro, unha variable que non se incluíu ou que se incluíu nunha posición equivocada… Finalmente, comprácenos anunciar que tras un longo proceso de análise e probas sobre o Thunderbird 3.0 demos co problema.
Agora mesmo, e como solución inmediata, fornecemos un paquete de idioma que soluciona este problema e permite así empregar o Thunderbird 3.0 en galego con todas as súas funcionalidades.
Por suposto, isto é unha solución temporal ao problema, ata que o equipo de tradución ao galego de Mozilla, a quen xa informamos de onde estaba o erro e como solucionalo, poidan corrixilo nos repositorios oficiais, de forma que a seguinte revisión do Thunderbird poida saír con este problema reparado.
Por suposto, como ocorre con todo proceso de localización, isto non significa que estea libre de conter outros erros aínda non detectados. Erros graves como o actual, que afecten ao emprego do aplicativo, ou erros de tradución, de puntuación, nos atallos de teclado… molestos pero que non impiden o uso do aplicativo. Por iso animámosvos a que calquera gralla ou erro que atopedes durante o uso de Thunderbird 3.0 o comuniquedes na rolda de coordinación oficial de tradución ao galego de Mozilla.
