Segundo nos informa Roberto Brenlla, Tegnix vén de ser convidada polo CESGA para formar parte do grupo de expertos de WikiSkills tras unha xornada de traballo presencial que terá lugar en Xenebra (Suíza) o vindeiro martes 19 de novembro de 2013.
O proxecto WikiSkills pretende analizar e aplicar os beneficios do uso de wikis para programas lifelong learning, potenciando así o comportamento cívico, a inclusión social, empregabilidade, entendemento cultural e habilidades para aprender de modo autónomo, todos eles principios nos que se asenta o software libre.
Dende Tegnix consideran unha honra ser seleccionados polo CESGA e poder participar nesta iniciativa transnacional na que poderán compartir toda a súa experiencia nos campos sinalados, especialmente a través de Aula Tegnix.
WikiSkills ten por obxectivo potenciar e fomentar o uso de wikis así como desenvolver cursos de formación para consolidar as habilidades wiki na sociedade actual.
As ferramentas wiki son usadas por todo o mundo como ferramentas colaborativas e participativas maiormente para organizar e desenvolver información dun grupo aberto de usuarios. WikiSkills pretende unirse á dinámica de aprendizaxe das Tecnoloxías da Información co seu aspecto colaborativo social que pode ser un importante valor engadido para a sociedade, pretende investigar o seu impacto na sociedade porque implica comportamentos sociais moi importantes, tales como cooperación, respecto, traballo en equipo, desenvolvemento de contidos e xestión comunitaria. WikiSkills conseguiría estes obxectivos proporcionando cursos de formación sobre as ferramentas wiki e as habilidades para traballar con elas aos grupos obxectivo. Estes cursos proporcionarán un entendemento básico das novas tecnoloxías da información e a comunicación e uso participativo de Internet.
O grupo WikiSkills está conformado por expertos de toda Europa con amplo percorrido en Software Libre, e-learning, redes sociais, ferramentas Wiki, negocios, colaboración e apertura do coñecemento.
