Mancomún

Axudas do IGAPE para empresas desenvolvedoras de código aberto

Xoves, 19 Abril 2007
O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) vén de publicar unhas axudas para empresas desenvolvedoras de código aberto. Subvencionaranse proxectos propostos por empresas de desenvolvemento de software ou solucións software “encastradas”, en código aberto dirixidos á mellora da produtividade e a introducir as TIC na PEME. 
 
Os proxectos deberán contar coa participación inicial de polo menos 5 PEME galegas determinadas, que permitan o ensaio e adaptación da aplicación, coa vantaxe de seren usuarios de xeito gratuíto da solución adaptada. Unha vez acadado o obxectivo de ensaio: adaptación final en polo menos esas cinco PEME, o proxecto establecerá un compromiso de cesión e adaptación gratuíta en polo menos 10 PEME galegas máis. O prazo para presentar solicitudes remata o día 31 de maio.

Poderá beneficiarse destas axudas calquera PEME informática galega que propoña a realización en Galicia dun proxecto de desenvolvemento final de aplicativos informáticos de xestión e implantación en PEME. As empresas deberán aportar para o proxecto polo menos un 25% do seu importe. A cantidade subvencionable é de ata 150.000 euros.

Os custos subvencionables poderán consistir en:
a) Investimentos en equipamento e instrumental de carácter tecnolóxico necesario para o proxecto de desenvolvemento final do aplicativo.
b) Gastos de adquisición de material funxible ou compoñentes necesarios para o proxecto.
c) Custos de colaboradores externos cando sexan prestados por Centros ou Institucións Tecnolóxicas, ata o límite de 10.000 € por proxecto.
d) Salario bruto do persoal da empresa dedicado ao desenvolvemento do proxecto, durante o período de execución e na proporción da súa dedicación porcentual.

O expediente avaliarase tomando en conta os seguintes criterios, seleccionando aqueles que obteñan maior puntuación ata o límite do orzamento asignado:

1. Empresa desenvolvedora de software adscrita a un clúster galego legalmente constituído. (10 puntos)
2. Localización do proxecto dentro de Galicia. (ata 15 puntos en áreas de especial interese, como as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal)
3. Número de PEME nas que se implantará gratuitamente o aplicativo. (0 – 20 puntos)
4. Custo total alegado. (0 – 10 puntos)
5. Obxectivo do aplicativo de xestión e perspectivas de incremento da produtividade nas PEME que o implanten. (0 – 45 puntos)

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal