Mancomún

Axudas para a implantación dun Sistema de Xestión de Proxectos libre para ONGD

Mércores, 6 Novembro 2013

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo (MINETUR), a través da Entidade Pública Empresarial Red.es e o Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, a través da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), promoven axudas dirixidas á implantación de novas tecnoloxías en Organizacións Non Gobernamentais dedicadas á cooperación ao desenvolvemento (ONGDs).

Trátase de axudas en especie para a realización do proxecto demostrador denominado “Solución integral para a xestión e xustificación de proxectos do sector cooperación internacional para o desenvolvemento” do programa ONGDs en rede.

Logotipo do aplicativo GONGEste proxecto demostrador ten por obxectivo validar que o uso de ferramentas TIC para a xestión de proxectos e convenios ten un efecto positivo sobre a eficiencia na xestión de proxectos nas ONGDs beneficiarias, diminuíndo o impacto sobre o financiamento das mesmas debidos aos reintegros de axudas a proxectos e convenios derivados de erros na xestión e xustificación dos mesmos.

Esta convocatoria de axudas, cuxo prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 17 de decembro, permitirá que preto de 135 ONGDs se beneficien dunha axuda en especie, valorada en 25.000€, consistente en:

  • Implantación dunha solución integral para a xestión e xustificación de proxectos e convenios. A solución que se ofrecerá é a aplicación de xestión e reporte GONG-R, con licenza libre, e prestarase como un servizo na nube e a axuda inclúe a provisión, instalación, configuración, probas, capacitación e asesoramento básico. A ONGD poderá, e debe comprometerse a, empregar este software durante 5 anos.
  • Dotarase ás ONGDs do equipamento necesario para acceder a servizos e aplicacións aloxadas directamente na nube, facilitando a accesibilidade, mobilidade e a optimización no uso dos recursos. Concretamente, proporcionarase a cada beneficiario dous computadores portátiles e equipamento para a impresión e dixitalización de documentación, así como acceso a diversas aplicacións ofimáticas e a ferramentas para a dixitalización certificada de facturas, conforme á normativa da Axencia Tributaria.

O orzamento máximo dispoñible para Galicia é de 379.205 € polo que ata un máximo de 15 ONGDs galegas poderán beneficiarse destas axudas.

Destinatarios

Poderán optar á convocatoria todas as ONGDs inscritas no Rexistro de ONGD ou nun rexistro análogo rexional, que sexan beneficiarias de subvencións públicas para polo menos un proxecto ou convenio de cooperación ao desenvolvemento. Ademais, no momento de solicitar a axuda, deberán estar pendentes ou en trámite da xustificación da devandita subvención. Entre os requisitos establecidos tamén se inclúe dispor de polo menos dous traballadores en persoal, ter un contrato de conexión a Internet de Banda Ancha e estar ao corrente do pago das obrigacións tributarias e coa Seguridade Social.

Presentación de solicitudes

As ONGDs poden solicitar as axudas até o 17 de decembro. As solicitudes tramítanse a través da sede electrónica de Red.es. Pode obterse máis información no teléfono 901 900 312 e a través do correo electrónico convocatoria.gong@red.es. As bases íntegras da convocatoria están dispoñibles no perfil do contratante da páxina web de Red.es.

A aplicación GONG-R

A aplicación de xestión e reporte GONG-R é unha ferramenta web de software libre, modular e escalable, baseada en tecnoloxía de fontes abertas, para a xestión de proxectos e convenios no ámbito de traballo específico das ONGDs. Está orientada a cubrir necesidades relacionadas coa xestión de información mediante a integración e automatización de moitas das prácticas asociadas cos aspectos operativos dunha ONGD.

Moitas ONGDs desenvolven proxectos con financiamento obtido de organismos tanto públicos como privados que apoian a súa actividade axudándolles economicamente a conseguir os seus obxectivos fundacionais. Doutra banda, teñen a obrigación de responder ante os seus financiadores do destino das devanditas axudas, é dicir, gastos, proxectos acometidos, indicadores e obxectivos conseguidos, etc.

A gran variedade de de interlocutores para os proxectos así como a súa dispersión xeográfica, fan que a información que se xestiona, ademais de voluminosa, sexa heteroxénea. Para cubrir as súas necesidades de tratamento, algunhas destas organizacións contan soamente con ferramentas ofimáticas.

Os obxectivos de GONG neste contexto son:

  • Apoiar a xestión interna da ONG nos seus procesos administrativos relacionados co control público do financiamento dos seus proxectos.
  • Diminuír o impacto económico desta xestión sobre o seu financiamento, proporcionándolles unha ferramenta de custo mínimo, tanto na súa implantación como no seu uso e mantemento.

O feito de que esta solución sexa software libre, permite reducir os custos de mantemento e evolución da solución.

Fondos FEDER

Esta convocatoria, a primeira de impulso das TIC en ONGDs, está en consonancia cos obxectivos da Axenda Dixital para España para fortalecer a industria TIC mediante o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos en servizos públicos, e de promover a cooperación e a colaboración con organizacións, empresas e axentes sociais en materia de Administración electrónica.

Esta iniciativa conta cun orzamento de 3.362.000 euros e é froito dun Convenio de Colaboración entre Red.es e AECID que se prorroga até 2015. O orzamento máximo dispoñible para Galicia é de 379.205 €.

A convocatoria enmárcase no programa ONGs en Rede e está cofinanciada con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), polo que se dará prioridade a ONGDs que traballen en zonas de converxencia como é o caso de Andalucía, Castela-A Mancha, Estremadura, Galicia, Principado de Asturias, Rexión de Murcia, Ceuta, Melilla, Canarias, Castela e León e Comunidade Valenciana. No entanto, tamén se admiten solicitudes de ONGDs do resto de comunidades autónomas. Na iniciativa colabora o Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías de Información e a Comunicación baseadas en fontes abertas (CENATIC).

O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) permite contribuír á corrección dos principais desequilibrios rexionais da Comunidade, cunha aposta polo axuste estrutural das rexións menos desenvolvidas e a súa reconversión socioeconómica.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal