Dende GALPon infórmannos da súa nova iniciativa a prol da difusión do hardware e software libre entre entidades educativas e formativas da provincia de Pontevedra.
Trátase da convocatoria dunha axuda en forma de colaboración para o desenvolvemento dun proxecto de automática ou robótica empregando hardware e software libre.
A colaboración ofrecida consiste de forma resumida na cesión do hardware libre necesario para o proxecto ademais do asesoramento técnico para o correcto desenvolvemento. Se o proxecto acada os seus obxectivos o equipo recibirá un premio en metálico de 300€.
Orixe
A orixe desta idea vén do alto interese amosado polo hardware libre a raíz da celebración dos «Sábados Libres na Altamar» adicados a Arduino e a RaspberryPi organizados por GALPon. Dende GALPon, viron que este tipo de proxectos pode ser unha boa forma de chamar a atención dos mozos e a través deles achegalos ao Software Libre e aos conceptos da cultura libre en xeral.
Dado que un dos principais obxectivos da asociación GALPon é fomentar o emprego das tecnoloxías libres e apoiar o desenvolvemento en base á liberdade, tal e como preconiza a Free Software Foundation (FSF), decidiron embarcarse nesta nova andaina poñendo ao alcance dos mozos os coñecementos e ferramentas necesarias.
Que ofrece GALPon?
GALPon cederá á entidade seleccionada o material hardware preciso para o desenvolvemento do proxecto de automática ou robótica libre ata un importe máximo de 1.000€. Ademais ofrece asesoramento ao equipo de traballo no deseño final do proxecto, na escolla do Software a empregar e das licenzas a aplicar e, chegado o caso, tamén axuda na programación dos scripts, aplicativos ou programas necesarios. Finalmente, en colaboración co Proxecto Trasno, ofrecen axuda para a correcta realización da documentación do proxecto e a súa tradución ao galego.
Ademais, se o proxecto acada o resultado previsto GALPon concederá un premio de 300 € (en metálico) para os membros do equipo, agás o tutor/responsable se este é mestre/docente/animador do centro ou institución propoñente. Neste caso, o equipo deberá facer unha presentación pública do proxecto en forma de obradoiro nun dos «Sábados Libres na Altamar» ou noutra actividade semellante organizada por GALPon.
Quen pode acceder a esta axuda?
GALPon ofrece a posibilidade de solicitar esta colaboración a calquera entidade rexistrada formalmente, coa súa sé social na provincia de Pontevedra, que teña nos seus obxectivos a formación e/ou difusión da tecnoloxía, ou o ensino nos graos de educación infantil, educación especial, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional (exclúese implicitamente a educación en graos superiores).
Prazos
As solicitudes deberán enviarse a GALPon antes do 1 de outubro de 2012. Un xurado de técnicos de diversas disciplinas, nomeado pola Xunta Directiva de GALPon, do que será secretario con voz mais sen voto o Presidente de GALPon ou persoa en quen delegue, analizará as propostas e acordará a cal delas se lles fornecerá o material necesario.
De darse a situación de que, dentro do límite da achega (1.000€) que fai GALPon fose posible colaborar con máis dun proxecto, este xurado determinará cales e en que contía.
O informe do xurado sobre as propostas, publicarase, a máis tardar no segundo domingo (13) de outubro do presente ano.
O proxecto deberá desenvolverse durante o curso académico 2013-2014, sendo o último día lectivo do curso a data límite para rematalo, podendo concederse unha prórroga se GALPon estima que a dificultade do proxecto e obxectivos acadados ata o momento o merecen.
Hardware, software e documentación libres
Todo o hardware a empregar no proxecto deberá ser libre e estar gobernado “exclusivamente” por Software libre. No caso de ser estritamente necesario aceptarase o uso de hardware privativo cando non exista alternativa libre sempre que sexan elementos auxiliares ou secundarios e non excedan do 15% do importe.
Todo o software empregado debe ser libre, ademais todo o software desenvolvido deberá realizarse empregando IDEs libres, deberá ser liberado baixo unha licenza libre copyleft, e se precisa unha máquina ou motor para a súa execución deberá ser tamén libre (por exemplo, OpenJava)
Finalmente o proxecto deberá ser debidamente documentado de xeito que poida se replicado por calquera persoa cos coñecementos mínimos. A documentación deberá fornecerse en formato HTML ou Mediawiki xunto cos elementos fonte das imaxes, gráficos, esquemas … e publicarase baixo as licenzas GNU FDL e Creative Commons By-SA v.3
Como referencia GALPon inclúe unha lista de produtos que se consideran libres, que non exclúe outro posible hardware libre:
- Beagle Bone/Board – http://beagleboard.org/
- Raspberry Pi – http://www.raspberrypi.org/ (Nota: Este é o Hw menos libre dos aquí incluídos)
- Cubieboard – http://cubieboard.org/
- Arduino – http://www.arduino.cc/
- PiFace – http://pi.cs.man.ac.uk/interface.htm
- Uzebox – http://belogic.com/uzebox/index.asp
Todas aquelas persoas interesadas en participar nesta inciativa, deben consultar os detalles e bases desta axuda no wiki de GALPon.
