Mancomún

AZLinux, a nova distribución GNU/Linux do Concello de Zaragoza

Xoves, 20 Agosto 2009

Hai algo máis de 3 anos o concello de Zaragoza anunciou a súa intención de migrar os escritorios a software libre. O plan de migración recollída dúas fases, unha primeira na que se migrarían as ferramentas ofimáticas e o correo electrónico, e unha segunda fase na que se migraría o sistema operativo.

Aproximadamente un ano despois deste anuncio, daban conta dos avances da primeira fase, na que xa contaban con dous grupos piloto traballando con OpenOffice.org con éxito e anunciaban o comezo da formación de todo o persoal no uso destas ferramentas, etapa moi importante nestes procesos migratorios. Indicaban tamén que continuarían coa migración dos equipos de novas seccións municipais prevendo rematar esta primeira fase no 2008.

Agora, logo de 3 anos de traballo sen apenas noticias, veñen de crear un blog no que anuncian a creación dunha distribución GNU/Linux baseada en SuSe Linux Enterprise Desktop 10 de Novell con GNOME e OpenOffice como paquete ofimático, á que deron o nome de AZLinux. Aínda non amosan nada desta distribución, pero aseguran que en breve farán unha presentación formal do proxecto con todos os datos.
Segundo o equipo de desenvolvemento, con este paso queren comezar a súa andaina na web, para o que irán publicando pequenos documentos técnicos describindo como teñen configurado o seu sistema para que a comunidade poida participar deste proxecto.

Afirman que xa teñen un importante conxunto de postos migrados e que continúan a traballar para acadar o seu obxectivo de migrar completamente os escritorios municipais (aproximadamente uns 2800 equipos).

Fonte: Blog de AZLinux

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal