Mancomún

b-Link, software para controlar o computador cos ollos

Venres, 17 Decembro 2010

Logo do aplicativo B-Link"b-Link" é un aplicativo baseado nunha tecnoloxía revolucionaria que permite que as persoas con discapacidades físicas poidan empregar o computador simplemente abrindo e pechando os seus ollos. O aplicativo distribúese de forma gratuíta en http://b-link.sourceforge.net/ , onde está dispoñible o código fonte, xa que segundo indican os seus desenvolvedores, “está baseado en software de fontes abertas para garantir que poida continuar a ser desenvolvido e mellorado pola comunidade internacional”. Actualmente o aplicativo só está dispoñible para o sistema operativo Windows.

"b-link" foi desenvolvido conxuntamente pola Universidade Técnica de Lodz e Orange Labs Poland a raíz dun desenvolvemento iniciado por Aleksandra Królak , unha estudante polaca de doutoramento en informática de 29 anos.

Aleksandra Królak traballaba na súa tese doutoral para o desenvolvemento dun algoritmo que detectase os pestanexos. Ao ver a película A escafandra e a bolboreta, sobre a historia real dun home afectado por unha parálise logo dun accidente, que podía mover só un ollo e comunicábase coa súa enfermeira pestanexando mentres ela lía o alfabeto, pensou en desenvolver un aplicativo para o computador que substituíse á enfermeira.

"Primeiro redactei un programa para detectar o pestanexo mediante unha webcam. E entón pensei: por que non engadir un teclado na pantalla que fose resaltando as letras unha despois doutra?", di Królak.
A idea interesou ás instalacións que Orange Labs ten en Polonia (a división de I+D de Telekomunikacja Polska (TP)) e iso permitiu a realización do proxecto b-Link (Blink, en inglés, é parpadear). Grazas á cooperación dos dous mundos -o da ciencia e o da empresa-, foi posible levar esta idea á práctica. Cun grupo de estudantes da Universidade Técnica de Lodz e un equipo de empregados de TP, Aleksandra Królak empezou a traballar en Orange Labs Polska. A partir do prototipo dunha interface controlada mediante pestanexos, desenvolveron un software totalmente funcional e accesible ao usuario e chamárono b-Link.

"Para as persoas con discapacidades, é moi importante ter a posibilidade de contactar e comunicarse co mundo que lles rodea. Cousas aparentemente sinxelas como teclear ou enviar un correo electrónico poden ser un obstáculo invencible. b-Link pode axudar a quen se viron afectados por ese destino a cambiar a súa vida e facela un pouco máis fácil", di Krzysztof Koz?owski, director de Orange Labs Polska.

O desenvolvemento de b-Link durou seis meses. O equipo tivo que refinar o algoritmo orixinal para axustalo ás posibles necesidades dos usuarios. Coa colaboración de dúas ONG -Consinto wszystko ("Contra todo prognóstico") e Stowarszyszenie Przyjació? Integracji ("Amigos pola integración") que traballan na axuda ás persoas con diversidade funcional, os expertos de Orange Labs visitaron a persoas afectadas por parálise para levar a cabo probas de utilización. Os resultados das devanditas probas permitiron sacar conclusións importantes e axudaron a refinar o aplicativo de acordo coas recomendacións dos usuarios.

Cambiando as cousas

A principal vantaxe de b-Link é que non esixe ningunha capacidade técnica nin ningún equipo complexo, só un computador e unha webcam normais. A instalación da aplicación e a configuración da cámara son os únicos pasos que necesitan a axuda dunha persoa sa. Despois, a persoa coa parálise pode usar o programa sen ningunha axuda. A cámara, debidamente axustada, detecta o rostro do usuario, localiza a posición dos seus ollos e capta os pestanexos. Desa forma, só con pestanexar, o usuario pode navegar por internet e utilizar calquera aplicativo instalado ou apagar o computador.

O programa desenvolvido conxuntamente pola Universidade Técnica de Lodz e Telekomunikacja Polska pode descargarse en tres idiomas (polaco, inglés e francés); o software inclúe manuais de instrucións aos que se pode acceder unha vez que se escolleu a versión nun idioma. Distribúese cunha licenza libre e todos os arquivos e o código fonte de b-Link poden atoparse en http://b-link.sourceforge.net/. Tamén está publicado no sitio web de TP e a páxina web polaca de Orange; até agora, houbo xa máis de 13.000 descargas.

b-Link recibiu xa eloxios da comunidade científica e o mundo empresarial, ademais de ONG dedicadas ás persoas con discapacidades. A aplicación obtivo a medalla de ouro na 38ª Exposición Internacional de Invencións de Xenebra. A Confederación Polaca de Empresarios Privados "Lewiatan" (PKPP "Lewiatan") designouno como un dos mellores proxectos de Responsabilidade Social Corporativa de 2009. En outubro houbo unha presentación de b-Link durante a reunión CSR Europe’s MarketPlace Enterprise 2010, xunto coas solucións máis innovadoras en materia de responsabilidade social corporativa.

A iniciativa é un exemplo das posibilidades de éxito da cooperación entre a Universidade (que traballou no proxecto) as ONG (que foron consultadas durante a fase de desenvolvemento e na fase de probas do programa) e a Empresa (que deseñou e implementou con éxito o produto).

Fonte: CENATIC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal