Que é a Navalla Suiza?
Quen está detrás da Navalla Suiza?
E todos cun importante curriculum como aval…
Berto. O feito foi que ao final da primavera me ofreceron a min varios proxectos e, como Xabi tamén tiña outros pendentes, decatámonos de que había cousas para facer pero que non tiñamos unha estrutura para afrontalas.
Álvaro. Ou nos xuntabamos ou nos subcontratábamos entre nós para rematar os proxectos. Xa traballáramos todos xuntos en Vieiros e sabíamos ao que podíamos aspirar. Así que escollemos apostar xuntos.
Xuntos pero non revoltos…
Berto. Exacto. Todo o desenvolvemento dos proxectos faise sen depender dun sitio físico. Un de nós está en Escocia, outro en Ordes, outros desenvolvemos o último proxecto estando de vacacións en América. Traballamos cunha aplicación web de xestión de proxectos en internet, chamada Basecamp. É un sistema desenvolvido por unha empresa que se chama 37Signals e está baseado no framework Ruby. Permite articular facilmente o traballo por internet, sen necesidade de ter reunións presenciais.
Álvaro. De feito para estes proxectos que tivemos agora non concertamos ningunha reunión presencial, agás algún de nós cos clientes . Citámonos no chat do propio sistema cando temos que reunirnos todos.
Cales son os proxectos que lle interesan á Navalla Suiza?
Álvaro. Son proxectos que implican participación social, algo innovador. Intentamos presentar cousas que non son visibles dentro da web galega ou, que se son, non foron o suficientemente arriba. A idea é crear proxectos importantes e reveladores dentro da web galega.
Berto. Apostamos un pouco pola rede social, vídeo, internet, plataformas… Trátase de concibir a web como algo máis para usar e menos para ver. A rede galega está moi pouco evolucionada, salvando iniciativas como a de Mancomún e algunha outra
Cal é o problema da nosa rede?
Berto. Ten carencias de moitos tipos: servizos para o usuario, visión estrutural… En xeral todo o que ten que ver coa web 2.0, se aínda podemos falar dela, tivo moi pouca implantación en Galiza, porque temos unha internet, tristemente, bastante desfasada. Nós decidimos non facer webs máis tradicionais, en plan escaparate, porque non cremos que sexa o camiño. Vimos do mundo do Software Libre, dos blogs, das comunicación en internet… así que temos unha concepción da web un pouco diferente.
Que papel ten o Software Libre neste proxecto de empresa?
Berto e Álvaro.Todo. Se non existise o Software Libre directamente non o faríamos.
Álvaro. A idea do código aberto é precisamente a que impulsa este tipo de proxectos. Traballamos con ferramentas libre e abertas. Ademais a nosa intención é crear un repositorio propio no que liberemos o código de todo o que se faga. O fundamental do código aberto é a súa filosofía: ti recibes, ti das, ti achegas…
Berto. De feito montamos unha empresa e todo o material que precisamos para empezar foi gratis e, ademais, libre. É dicir, que podemos modificalo, melloralo, trastealo… Cousas coma esa elevadas á máxima potencia son as que nos permiten coller de cero e sen practicamente ningún investimento tecnolóxico comezar a facer cousas.
Que actitude adopta o cliente ante o feito de que vaia pagar por algo que despois estará aberto a calquera persoa?
Berto. Comentámolo só en dous casos e pareceulle sempre moi ben. Un deles tratábase dunha consellaría pero era do BNG, asi que supoño que entraría dentro da súa política. O outro caso foi unha empresa que tampouco puxo problemas.
O voso traballo non é o dunha empresa convencional. Cal é o perfil do voso cliente?
Berto. Imos ter un cliente que teña un coñecemento previo do uso de internet, que saiba cales son as posibilidades e que confie en nós.
Álvaro. Queremos que confie en nós e no que nós queremos enfocar. Que non teña medo a innovar e que saiba que connosco non vai levar ningún golpe. Non queremos outro tipo de cliente.
Non credes que estades limitando bastante o mercado?
Álvaro. Podemos permitírnolo porque todos temos outras actividades paralelas.
Berto. Si. De feito houbo un par de intentos de proxectos que xa nin os estudamos. Non nós interesaban, non porque nos sobren os cartos senón porque non nós interesaba gastar o noso tempo niso. Non é un hobby, é un traballo que consideramos importante, pero non nos parece unha estratexia adecuada. Por iso non nos cortamos cando temos que dicir que non ou redirixir, que é o que facemos neses casos.
