O 100% dos ordenadores á disposición do alumnado teñen arranque dual.
O 67% da docencia impartida neles faise sobre GNU/Linux.
A Oficina de Software Libre da USC leva xa 4 meses a liderar o plano piloto de migración a GNU/Linux na Facultade de Ciencias da Educación da USC. Logo deste tempo, na OSL publican un primeiro balance dos resultados desta experiencia.
Este plan de migración, do que xa vos demos conta no seu comezo, é froito da cooperación estreita entre o decanato, o profesorado da Faculdade e a OSL, e ten como propósito migrar o maior número posible de áreas do centro a software libre, facendo especial fincapé na docencia e na parte visible ao estudantado, entendendo que o alumnado ten dereito a recibir a súa educación nun marco de neutralidade tecnolóxica onde aprendan ferramentas e non produtos dunha marca determinada.
Primeiros datos da migración
Completáronse as dúas primeiras fases do plan, consistentes na migración das aulas de prácticas e de libre acceso de dita facultade. A día de hoxe, o 100% dos ordenadores dispoñibles para os estudantes, tanto nas aulas de docencia como nas de acceso libre, están instalados cun sistema que permite o arranque dual en Ubuntu GNU/Linux e Microsoft Windows.
O sistema operativo Ubuntu leva instalados os paquetes de software Ubuntu-USC que a OSL desenvolveu, baseándose no metapaquete araOS, para dotalo da estética corporativa da universidade e as configuracións de hardware necesarias para operar no entorno universitario.
As cifras de uso dos equipos indican que o 67% da docencia se imparte en GNU/Linux exclusivamente, e os estudantes nas aulas de libre acceso fan tamén un uso maioritario do Ubuntu-USC.
O que queda por facer
Os próximos pasos do Plano Piloto irán encamiñados a migrar os computadores que os mestres empregan nas aulas de docencia teórica para facer demostracións e proxectar presentacións.
Previamente impartiranse cursos de formación para o persoal de asistencia técnica da facultade para que estean capacitados para atender estes equipos. Asemade, axudarase a aqueles profesores que escollan migrar a GNU/Linux para que poidan impartir adecuadamente a súa docencia.
Ao remate do cuadrimestre farase unha avaliación da experiencia docente co software libre e unha enquisa entre o estudantado. Ambas servirán para diagnosticar os problemas que poidese haber no proceso de implantación do GNU/Linux e os seus aplicativos asociados na facultade, para seren avaliados e correxidos de cara ao curso que ven e a futuros planos de migración.
Fonte: OSL da USC
