Mancomún

Balance do curso académico 2010-2011 do CNTG relativo a tecnoloxías FLOSS

Martes, 9 Agosto 2011
  • O 53% da formación impartida no CNTG foi sobre tecnoloxías ou metodoloxías FLOSS.
  • Case o 99% dos que iniciaron os cursos rematáronnos satisfactoriamente
  • A programación do curso académico 2011-2012 mantén a oferta nuns niveis de calidade e interese moi elevados.

A pasada semana o CNTG publicou a valoración e balance do curso académico 2010-2011 que abrangue os tres trimestres lectivos comprendidos entre outubro e xuño.

Durante este período impartíronse un total de 51 cursos intensivos e prácticos que teñen como obxectivo desenvolver, de xeito gratuíto, formación técnica, práctica, especializada e de calidade orientada ao mundo laboral do sector TIC. Destes cursos o 80% ofreceron a posibilidade de realizar de balde un exame de certificación acreditativo do pleno dominio dunha determinada versión dun produto ou metodoloxía.

Evolución da porcentaxe de cursos do CNTGDo total dos cursos impartidos no pasado curso académico, o 31% dos cursos están relacionados con tecnoloxías libres e de fontes abertas (FLOSS), o 22% relacionado con metodoloxías ou tecnoloxías de traballo que poden ser aplicadas tanto a proxectos libres como privativos (tecnoloxías neutras) e o restante 47% estiveron relacioandos con tecnoloxías privativas.

Estas cifras reflicten a atención ao principio de neutralidade tecnolóxica que rexe as actuacións do centro, cunha lixeira tendencia cara o fomento da formación relacionada con metodoloxías de traballo e tecnoloxías libres xa que pasaron do 49% ao 53% do curso académico 2009-2010 ao 2010-2011 como se pode apreciar na gráfica.
O número de prazas ofertadas para estes cursos foron 240 para tecnoloxías FLOSS e 166 para metodoloxías ou tecnoloxías neutras cun total de 992 e 311 horas respectivamente e cunha duración dos cursos entre 20 e 80 horas. O 98,99% do alumnado que iniciou os cursos rematounos satisfactoriamente, o que reflicte tanto a calidade como o interese que esperta a formación ofertada sobre este tipo de tecnoloxías. Ademais o 87,50% dos cursos ofreceron a posibilidade de certificarse nos coñecementos adquiridos.

Atendendo ao carácter de ocupado ou desempregado do persoal traballador, o 55,4% dos asistentes eran persoal ocupado do sector privado, o 36,8% persoal desempregado e o 7,8% restante pertencían ao sector público, sendo destacable o maior interese do empregado público por este tipo de tecnoloxías fronte ás tecnoloxías privativas.

A formación ofertada polo CNTG en tecnoloxías libres abrangueu áreas como a administración de sistemas linux orientada ás certificacións LPIC (1, 2 e 3) e Red Hat, programación en Java, JEE5 e J2ME para móbiles, administración de bases de datos MySQL, desenvolvemento de aplicacións WEB con PHP e MySQL sobre Apache e Telefonía IP con Asterisk.

No que respecta ás metodoloxías neutras, ofertáronse cursos sobre diversos aspectos relacionados coas metodoloxías de xestión, dirección e seguimento de proxectos TIC así como cursos relacionados coa seguridade dos sistemas da información.

Oferta formativa para o curso académico 2011-2012

As actividades formativas previstas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia teñen unha clara orientación laboral. Trátase de formación para o emprego de carácter técnico, intensivo e especializado dirixida preferentemente aos profesionais do sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

O programa previsto para o período 2011/2012 é un programa punteiro a nivel de España, tanto pola diversidade de temas a tratar como pola elevada calidade dos currículos formativos que nel se inclúen.

Un ano máis, a oferta de cursos relacionados con tecnoloxías libres e metodoloxías de xestión de proxectos é ampla e variada acadando nesta ocasión o 62% dos 52 cursos da programación completa. Ademais, o 78,12% destes cursos ofrecerá a posibilidade de acceder ao exame de certificacións altamente valoradas no mercado laboral, acadando o 94,44% no caso dos cursos sobre tecnoloxías FLOSS.

As accións formativas previstas para o curso 2011-2012 serán como sempre impartidas por profesorado técnico e cualificado nos últimos produtos tecnolóxicos, incorporando contidos relacionados coas principais metodoloxías e ferramentas demandadas actualmente polo mercado, tales como LPI, Red Hat, Zentyal, Asterisk, ISTQB, Prince2, ITIL, PMI, Scrum, OMG, Zend etc ..

As principais novidades deste ano son a incorporación de tecnoloxías non tratadas en ofertas anteriores como por exemplo Zentyal ou Prince2, e de niveis superiores de formación relativos a metodoloxías, produtos ou ferramentas xa presentes en anteriores programas e con alto nivel de demanda como ITILv3 Service Operation Lifecycle ou ITILv3 Operation Support and Analysis Capability etc ..

Outra novidade é que se amplía o período de actividade formativa ata a primeira quincena do mes de xullo.

O listado completo de cursos pode consultarse na web do CNTG. Para inscribirse nos cursos é preciso rexistrarse na web do CNTG, e logo acceder á ficha do curso dende a sección de formación, onde poderá consultarse a información completa sobre o curso así como cumprimentar o formulario de inscrición correspondente. Os criterios de selección do alumnado, revisados para esta programación, están publicados na sección novas destacadas da páxina web do CNTG.

As datas de apertura dos prazos de inscrición para anotarse ás accións formativas programadas son as seguintes:

  • Cursos do cuarto trimestre de 2011: Día 1 de setembro de 2011.
  • Cursos do primeiro trimestre de 2012: Día 1 de novembro de 2011.
  • Cursos do segundo trimestre de 2012: Día 1 de xaneiro de 2012.

Os primeiros cursos comezarán na segunda quincena de outubro. A data de remate para anotarse a estas primeiras accións formativas finalizará o día 3 de outubro, tendo lugar as probas de selección para acceso aos mesmos o luns 10 de outubro.

Como excepción ás datas sinaladas nos dous apartados anteriores, o curso de “Configuración de servizos de seguridade corporativa” que se impartirá a partir do día 26 de setembro, manterá aberto o seu prazo de inscrición dende o mércores 17 de agosto ata o martes 13 de setembro.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal