O obxectivo da creación deste novo SO é a exploración de como se debe estruturar un sistema operativo para traballar cos futuros sistemas multinúcleo. Segundo palabras da propia páxina do proxecto: “Estamos motivados por dúas tendencias, bastante relacionadas, que se están a ver en deseño de hardware: a primeira, o número crecente de núcleos, o que nos leva a un desafío no campo da escalabilidade. E a segunda, a crecente diversidade no hardware dos computadores, que require que o SO xestione e aproveite recursos de hardware moi heteroxéneos”.
Xa se pode descargar un lanzamento deste SO, consistente nunha versión do código principal de Barrelfish do día 14 de setembro deste ano. Non debe entenderse como unha versión completa, nin robusta. Só se creou para acompañar ao relatorio que se vai presentar na SOSP 2009 (Simposio sobre os principios dos sistemas operativos, Symposium on Operating Systems Principles). Espéran poder crear un novo lanzamento, máis completo e usábel, pronto.
A licenza deste sistema operativo permite a redistribución tanto do código fonte como do software en forma binaria, sempre que se manteña o aviso acerca dos dereitos de copia. Ademais, o sistema inclúe bibliotecas de terceiros, baixo licenzas BSD e similares.
Como curiosidade, cabe destacar que a páxina do proxecto é servida por un computador no que se está a executar o sistema Barrelfish: "This web page was brought to you by a server running Barrelfish"
