A Universidade do País Vasco acolle dende onte ata o 19 de xullo dous importante congresos internacionais, a Akademy 2013 e o Qt Contributors Summit (QtCS) e outro de carácter nacional, a Akademy-ES .
Segundo se recolle na nota de prensa emitida, estímase que ao longo da semana, máis de 300 desenvolvedores participarán en conferencias, sesións de traballo así como diferentes workshop técnicos para mellorar aplicacións tan diversas como sistemas operativos e contornas de escritorio para PCs e móbiles, aplicacións de xeoposicionamiento, programas de ilustración dixital, etc.
O programa inclúe tamén un Open Promotional Program aberto á cidadanía, cun acento especial na educación e con charlas acerca das funcionalidades do paquete educativo KDE, o sistema operativo Kubuntu, aplicacións educativas de KDE para escolas de primaria e secundaria, aplicacións educativas de KDE para a universidade e unha exposición das prácticas da carreira en Enxeñaría informática na Universidade de Chicago.
Acollendo estes eventos, a UPV/EHU e Bilbao sitúanse por unha semana no ollo do furacán mundial do software libre, un campo que cada vez vai crecendo máis tanto na vida cotiá da cidadanía, como na contorna empresarial das TIC. Sistemas operativos móbiles como Android, ou para PC como Kubuntu (baseado en GNU/Linux), navegadores como Firefox, software de retoque de imaxe dixital como GIMP ou suites ofimáticas como LibreOffice están cada vez máis presentes no noso día a día e marcan tendencia para garantir a calidade, fiabilidade e seguridade da nosa actividade, cada vez máis dixital.
A organización destes eventos corre a cargo das respectivas comunidades internacionais de desenvolvemento (KDE e Qt) xunto con Itsas e e-ghost, os grupos de promoción do software libre da UPV/EHU e a Universidade de Deusto respectivamente, conta co patrocinio de empresas líderes como Google, Blackberry, Digia e outras, así como co apoio de entidades como o Concello de Bilbao, a Deputación de Bizkaia, a UPV/EHU e Metro Bilbao.
Sobre Akademy
Akademy é o encontro mundial de desenvolvedores e simpatizantes do contorno de escritorio KDE, un dos máis estendidos xunto con GNOME e polo tanto unha das maiores comunidades de software libre no mundo. Akademy celébrase unha vez ao ano e consiste nunha conferencia de dous días de duración, con presentacións sobre os últimos avances de KDE e de cinco días de sesións de programación e talleres.
En Akademy danse cita colaboradoras e colaboradores clave do escritorio e a plataforma técnica de KDE, líderes da industria do software libre, persoas procedentes de administracións públicas, da educación, etc.
Akademy é un evento de obrigada asistencia no calendario anual do software libre. É unha das mellores oportunidades para a colaboración entre proxectos de desenvolvemento no ámbito das tecnoloxías de código aberto/libre e interface de usuario.
Sobre o Qt Contribution Summit
O Qt Contributors Summit (QtCS) é a principal reunión da Comunidade do Proxecto Qt a nivel mundial. QtCS 2013 será a terceira edición tras o éxito do lanzamento do Qt Open Governance en 2011. O evento é unha reunión práctica para traballar e planificar o futuro, é gratis e accédese por invitación. A Qt Contributors Summit celebrarase o 15 e 16 de xullo 2013 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Bilbao.
Sobre Akademy-ES
O Akademy-ES é o encontro anual de colaboradores e usuarios de KDE en España. Durante o evento realizaranse charlas e talleres co fin de pór en contacto a desenvolvedores de KDE, dar a coñecer o proxecto a persoas sen perfil técnico e divulgar o interior das tecnoloxías KDE, tanto para novos desenvolvedores como para usuarios que queiran coñecer mellor KDE.
Sobre Itsas e e-ghost
Itsas e e-ghost son os grupos de software libre da UPV/EHU e da Universidade de Deusto respectivamente. O seu obxectivo principal é a promoción do software, a tecnoloxía e o coñecemento libres dentro do mundo da universidade en Euskadi Para iso, dinamizan charlas, conferencias, encontros e cursos co fin de difundir as vantaxes do software libre e ampliar a base de persoas que o usan.
