Mancomún

Bota a andar a Oficina Móbil da OSL da Universidade da Coruña

Martes, 21 Abril 2009

Os técnicos da Oficina ensinarán, entre outras actividades previstas, a instalar e a configurar Galinux

Cartel promocionalA Oficina de Software Libre da UDC percorrerá dende hoxe ata comezos do vindeiro mes de xuño as distintas facultades e centros da Universidade da Coruña coa Oficina Móbil da OSL (OSLM). Esta oficina estará composta por un unha caseta de información interactiva, equipada con diverso material informático, e na que técnicos da Oficina atenderán as cuestións das persoas interesadas.

A iniciativa ten como obxectivo achegar o software libre aos membros da UDC, amosando as súas capacidades, vantaxes e posibilidades. A Oficina Móbil actuará, pois, coma unha extensión da propia OSLUDC co propósito de promover os servizos deste organismo universitario entre os usuarios finais da UDC (alumnado, profesorado e persoal laboral). 
Entre os servizos que se van a por a disposición dos que se acheguen ao punto de información destacan:

  • Proba en directo e en persoa de equipos con GNU/Linux e toda unha ampla lista de aplicativos libres.
  • Asesoramento en persoa sobre calquera tema relacionado co software libre: alternativas a software privativo, instalación dun sistema operativo libre, manexo de aplicativos libres, recursos web…
  • Demostracións técnicas de instalación, configuración e uso de ferramentas libres.
  • Axuda na instalación dun sistema operativo GNU/Linux (Ubuntu, Galinux -o sistema operativo libre e en galego desenvolvido por Mancomún- ou calquera outra distribución), de forma que calquera pode presentarse co seu portátil para que os membros da OSL o guíen paso a paso na instalación e a posterior configuración.
  • Concursos cos que se pode obter diversos premios.

A Oficina Móbil permanecerá entre 3 e 4 días por semana en cada centro. Nesta primeira fase poderá atoparse nas facultades do Campus da Zapateira, de OZA, de Bastiagueiro e de Riazor.

Na seguinte táboa, estabelécese o calendario previsto para a OSL Móbil dende abril ata xuño.

Centro

Datas

Facultade de Filoloxía (Zapateira)

21 al 23 de abril

E.U. de Arquitectura Técnica (Zapateira)

28 al 30 de abril

E.T.S de Arquitectura (Zapateira)

05 al 07 de maio

Facultade de Ciencias (Zapateira)

12 al 14 de maio

Facultade de Ciencias da Saúde (OZA)

19 al 21 de maio

I.N.E.F (Bastiagueiro)

26 al 28 de maio

E.T.S de Náutica e Máquinas (Riazor)

02 al 04 de xuño

Unha iniciativa experimentada xa con éxito na USC

Seguindo esta idea proposta pola Oficina de Software Libre da Universidade da Coruña, a Oficina de Software Libre da USC tamén comezou xa a percorrer os centros da entidade compostelá, co que eles chamaron os Puntos de Información en Facultades (PIFs).

Así, o mércores 1 e xoves 2 de Abril, a Oficina de Software Libre estivo presente no edificio que reúne ás titulacións de Ciencias da Educación, Psicoloxía e Filosofía. O luns 13 continuou o seu periplo pola Escola Técnica Superior de Enxeñaría coincidindo co patrón do centro e o mércores 15 levou a cabo a presentación oficial da estratexia de implantación de software libre entre os membros da Facultade de Ciencias da Educación.

Ao longo destes días atendeuse directamente a unhas 100 persoas que se achegaron interesadas a se informaren sobre as actividades da Oficina e as posibilidades do Software Libre. Repartíronse ademais trípticos informativos sobre estándares, boas prácticas, licenzas e copyleft,sobre a función da Oficina e a personalización Ubuntu-USC, e exemplares do Galinux.

Para calquera asunto relacionado co software libre ou coa OSL Móbil:
– Correo electrónico: softwarelibre@udc.es
– Teléfono: 981 167 000 ext. 5506

Fonte da nova: Oficina de Software Libre da UDC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal