Mancomún

Brasil contará co SwL para crear o maior sistema de virtualización de escritorio do mundo

Luns, 23 Febreiro 2009
Brasil virtualización“Userful Multiplier”, unha plataforma de computación multiusuario baseada en software libre, sustentará en Brasil o maior proxecto de máquinas virtuais de escritorio mundial. A iniciativa permitirá crear un total de 356.800 postos informáticos con sistema operativo libre repartidos por máis de 5.500 escolas brasileiras, tanto de ámbito urbano como rural. Así o explicaron nun comunicado conxunto as dúas empresas seleccionadas para a implantación do proxecto, Userful e ThinNetworks. 

Este plan promovido polo Ministerio de Educación brasileira, marca un novo rexistro pola súa dimensión, o seu baixo custo e o aforro enerxético. As dúas entidades escollidas por procedemento administrativo aberto implementarán un mega-proxecto de virtualización onde os terminais do alumnado funcionarán baixo 18.750 estacións de traballo. Estes servidores, xa repartidos polas escolas, permitirán, nunha segunda fase do proxecto, que até dez persoas poidan operar cun único computador engadindo só teclado, rato e monitor. Cada máquina terá un custo inferior a 40€ por asiento.

Con este proxecto estímase unha redución de custos directos do 60% fronte a un PC estándar, aos que se suma o baixo requirimento de mantemento e de administración , así como o 80% do aforro no consumo enerxético. Os computadores empregarán como sistema operativo “Linux Educacional”, unha distro baseada en Kubuntu 8.4 (anteriormente desenvolvida sobre Debian) e, tal e como indica o seu nome, orientada á educación.

Esta iniciativa, unida á migración ao software libre de administracións e universidades ou a achega a accesos a Internet e computadores para as familias con menos recursos, están convertendo a Brasil en todo un exemplo á hora de deseñar proxectos de educación e desenvolvemento tecnolóxico baixo plataformas alternativas abertas.

Fonte: The Inquirer

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal