Mancomún

Brasil repartirá nas escolas públicas 150.000 ordenadores con software libre

Xoves, 18 Decembro 2008
A medida será posible grazas as tecnoloxías abertas, coas que o estado sudamericano xa leva aforrados 55 millóns de euros

O goberno brasileiro distribuirá 150.000 computadores con software libre entre 300 escolas públicas do país. Así o anunciaron onte fontes oficiais do goberno, as cales explicaron que esta iniciativa requirirá un orzamento próximo aos 30 millóns de euros e segundo os cales se adquirirán ordenadores populares ao prezo de aproximadamente 200 euros por unidade.

A escolla de tecnoloxía aberta para o software do computador foi o que posibilitou acadar esta cifra tan accesible, ao quedar excluído do montante as licenzas do sistema operativo e doutros aplicativos, aos cales que incrementarían exponencialmente o prezo final. Deste xeito, os 200 euros incluirán o prezo de cada aparato e os seus respectivos impostos, a entrega nas escolas, a garantía dun ano, o servizo de mantemento e a configuración.

Tecnicamente, estes computadores, que serán fornecidos pola empresa Comsat -adxudicataria por subhasta pública- serán do modelo Mobilies da empresa india Encore, con 512 megabytes de memoria RAM, disco duro dun gigabyte, pantalla LCD de sete polgadas, dispositivo de rede inalámbrico e programas informáticos de licenza libre e código aberto, tal e como informou o Ministerio de Educación nun comunicado.

Con esta estratexia, o goberno brasileiro continúa a apostar decididamente polo software libre como a mellor forma para achegar as últimas tecnoloxías aos centros de ensino público do país. Esta política enmárcase dentro do programa “Un computador por alumno” e segundo o cal xa se están a repartir, a modo de proxecto piloto, computadores en cinco escolas ubicadas nos estados de Río de Janeiro, Río Grande do Sur, Sao Paulo, Tocantins e no Distrito Federal de Brasilia.

Ademais do proxecto , dende 2005 o Goberno brasileiro conta con “Un computador para todos”, o cal ofrece incentivos fiscais aos fabricantes e créditos a baixas taxas de interese para as persoas interesadas en comprar un computador de sobremesa ou portátil da liña básica.

O goberno de Brasil leva aforrados 55 millóns de euros co uso do SwL

O uso de distribucións abertas GNU/Linux en órganos gobernamentais, coa consecuente eliminación de pagos por licenzas de software, permitiu ao goberno brasileiro aforrar en torno a 55 millóns de euros nos últimos anos. Marcos Mazoni, presidente do SERPRO (Servizo Federal de Processamento de Datos), facilitaba estes datos recentemente no marco do encontro Free Software Rio, celebrado entre os días 8 e 9 de decembro en Rio de Janeiro.

Segundo explicou Mazoni, só co programa Expresso, orientado á xestión de correo electrónico, axenda, catálogo e fluxo de traballo, aforráronse aproximadamente 11 millóns de euros, cando aínda está a ser instalada. Ademais, o directivo carioca comentou que en Brasil xa teñen especial relevancia en todos os sectores programas libres como o BrOffice.org ou o Postgres.

Por outra banda, destacou o feito da existencia dun contorno de desenvolvemento propio (framework), que en versión propietaria custaría máis de 7 millóns de euros. “O seu uso xera economía directa e iso sen falar dos programas e solucións desenvolvidas coas súas ferramentas”, asegurou.

 Fontes: http://www.softwarelivre.org/

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal