O parlamento de Bulgaria acaba de aprobar unha modificación da súa Lei de Gobernanza Dixital que fará que todo desenvolvemento de software que sexa creado pola administración teña que ser Open Source e ademais o proceso de desenvolvemento terá que ter lugar nun repositorio de software público.

Fotografía: Wisi Greter; Licenza: CC-BY-NC
Esta iniciativa ten, entre outros, dous obxectivos principais, por unha banda poñer a disposición de toda a cidadanía o software desenvolvido de xeito público, facilitando a redistribución e reutilización do mesmo. Por outra banda, non xerar dependencias de provedor, facilitando a creación de tecido empresarial local e garantir a seguridade do software mediante unha maior supervisión. Forma parte dunha estratexia do goberno bulgaro de redución de custos en TIC e para promover a innovación das pequenas empresas.
Este tipo de iniciativas lexislativas non son novas, xa que temos en Europa algúns casos significativos, como a recente adopción de estándares abertos no Reino Unido ou, a nivel estatal, o decreto da Junta de Andalucía pioneiros en España nesta materia ou o máis recente da comunidade autónoma de Euskadi.
En calquera caso, esta medida aprobada en Bulgaria vai un paso máis alá das obrigas recollidas no Real Decreto 4/2010 que regula o Esquema Nacional de Interoperabilidade no ámbito da Administración Electrónica, polo que as administración públicas en España están obrigadas a avaliar a existencia de posibles solucións reutilizables para o desenvolvemento de novos sistemas ou servizos. Así mesmo recoméndase a publicación dos novos desenvolvementos con licenzas libres para favorecer a súa reutilización, pero polo momento non é obrigatorio.
