O Complexo Cultural San Francisco acollerá os días 26 e 27 de Outubro a Drupalcamp Spain 2013 en Cáceres, un congreso nacional de ámbito tecnolóxico organizado pola comunidade Drupal española e pensado para estudantes, profesionais e empresas de referencia no desenvolvemento web en España.
A Drupalcamp é un congreso ao que asisten relatores do máis alto nivel nacional e internacional, empresas de alto prestixio, programadores, deseñadores, xente interesada en atopar novas alternativas e novos talentos, en definitiva, o lugar onde aprender dos mellores e establecer relacións profesionais no mundo de Drupal. Nesta 4ª edición, o obxectivo é coñecer as últimas tendencias a través das máis de 40 charlas/relatorios técnicos organizadas, así como establecer relacións profesionais entre os distintos asistentes, relatores e empresas.
As Drupalcamp anteriores contaron con máis de 350 asistentes, máis de 40 relatorios e máis de 20 entidades colaboradoras e patrocinadores. Multitude de proxectos, colaboracións e oportunidades de emprego foron xestadas durante as Drupalcamp, xa que durante todo un fin de semana os asistentes teñen a oportunidade de coñecerse, non só durante o propio evento, senón nas actividades de networking como as comidas, ceas ou actividades que se organizan durante os 2 días.
Nesta ocasión, a organización convidou a participar nesta IV edición da Drupalcamp Spain á comunidade Drupal do país veciño, Portugal, co obxectivo de promover a colaboración e o intercambio cultural e de negocio entre ambas comunidades .
Aberto o prazo de envío de contribucións
Ata o vindeiro día 21 de setembro está aberto o prazo para remitir propostas para ser un relator na Drupalcamp Spain 2013. É unha convocatoria aberta e os relatorios serán elixidas baseándose na opinión dos usuarios (a través dun sistema de votación) e a propia organización do evento (que non existan solapamentos, que os tracks sexan adecuados…).
O tempo máximo para o relatorio será de 30 minutos máis 15 minutos de marxe para preguntas, debate e preparación da seguinte ponencia. Os relatorios poderán ser en español ou en inglés. Dende a organización indican que é preferible relatorios dirixidos a compartir experiencias de uso directamente relacionadas con Drupal, aínda que aceptarán tamén relatorios de temática horizontal. Algúns exemplos: Estratexias de negocio, comunidade, frontend / deseño / usabilidade, escribindo código, experiencia de usuario, site buliding, goberno/universidade, Open Data, xestión de proxectos, etc.
Nesta edición gustaríalles contar con sesións relacionadas con Symfony e Drupal.
Os relatorios seleccionados serán anunciados o día 1 de outubro, e os relatores disporán de entrada para o congreso gratuíta.
Asistencia ao evento
Todos os interesados en asistir a este congreso, que non teña pensado participar como poñentes, deberán adquirir a entrada ao mesmo a través da propia páxina da Drupalcamp.
Drupal en Galicia
En Galicia temos unha forte comunidade de usuarios de Drupal, a modo de exemplo podemos mencionar a celebración de 5 edicións da noite Drupal e GNU/Linux, organizadas polas asociacións GALPon (Pontevedra), Comunidade O Zulo (Mugardos), Inestable (Ordes) e a Asociación Ociorum (A Coruña); a existencia dun grupo galego de Drupal; a dispoñibilidade de numerosas empresas galegas ofrecendo os seus servizos en torno a Drupal, como se pode consultar no Catálogo de provedores, servizos e produtos de Software Libre de Galicia.
Finalmente, como caso de éxito na administración podemos destacar o uso de Drupal no proxecto Web dinámicas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Xunta de Galicia que ofrece aos centros educativos públicos galegos a posibilidade de solicitar un portal web do centro, unha plataforma de teleformación e unha galería de imaxes baseados en Drupal, Moodle e Coppermine respectivamente.
