Mancomún

Cada vez máis hospitais europeos empregan software libre

Xoves, 17 Setembro 2009

Segundo un informe publicado recentemente na web do OSOR, o uso do software de código aberto está a medrar a moi bo ritmo nos hospitais da Unión Europea.

Para dar conta desta boa saúde do código aberto recollen ata 6 casos de éxito de emprego de aplicativos libres nos sistemas de información de distintos centros hospitalarios europeos.

O primeiro caso que describen é o do Hospital da Universidade de Clermont Ferrand. Neste hospital comezaron a utilizar software de código aberto para consolidar datos de múltiples sistemas informáticos co fin de mellorar a súa facturación. A ferramenta de integración de datos de código aberto que empregaron para tal fin foi Talend Open Studio.

O pasado 3 de Xullo, a empresa propietaria deste software publicou o caso de estudo do emprego da súa ferramenta no Hospital Universitario. Neste informe, inclúense algunhas citas do doutor Jean-Christophe Jourdy do Departamento de información médica do hospital: "O código aberto é agora unha ferramenta esencial para os servizos públicos, incluíndo hospitais, para reconciliar as limitacións orzamentarias e técnicas sen sacrificar o rendemento ou a confiabilidade dos seus sistemas de TI."
Outro exemplo de instituto médico que está evolucionando cara o uso de código aberto é o Centro médico da cidade alemá de Görlitz onde levan usando código aberto desde 2003 para, por exemplo, a xestión de máis de mil contas de correo electrónico. Segundo explicou Helmut Stahr, director do centro, nunha entrevista o ano pasado, “A centralización desta instalación minimizou o tempo necesario para a configuración e o mantemento. O cambio ao código aberto, ademais, contribuíu a reducir os custos de licenzas de software.”

En Bélxica, o Centro Hospitalario Universitario de Tivoli na cidade de Louvière, estimou no ano 2006 que ao redor do 25 por cento do seu software era de código aberto, incluíndo o ERP Compiere, servidor proxy Squid, a aplicación de correo electrónico Thunderbird e o software de VPN OpenVPN. No que respecta a aplicativos médicos empregan K-PACS para estudar radiografías.

Tamén en Bélxica, os cinco campus do Hospital universitario de Leuven empregaron o ano pasado Drupal para a renovación do seu sitio web.

Nos Países Baixos, o Hospital de Santo Antonio nas cidades de Utrecht e Nieuwegein está a piques de migrar a un contorno case completamente de código aberto. Trátase de 2800 escritorios con Ubuntu GNU / Linux e OpenOffice. Nunha entrevista realizada por NoiV, o Centro de Recursos de Código Aberto do goberno neerlandés, e publicada o 3 de agosto, Gerrit Krediet, xefe do departamento de TI, dixo que espera que en setembro do próximo ano teñan entre cincocentos e mil equipos con Ubuntu.

O último caso de éxito que mencionan, é tamén neerlandés. A policlínica psiquiátrica Bosman, unha cadea de cinco clínicas no centro do país. Segundo NoiV fan uso exclusivamente de aplicativos de código aberto. De feito, o vindeiro 1 de outubro farán unha presentación organizada por NoiV na cidade de Utrecht do emprego de ferramentas como OpenOffice, Asterisk e OpenEPD.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal