O uso do software libre por parte da Administración pública comeza a ser xa algo máis que frecuente. Iniciativas para migracións masivas ou mesmo para etapas máis iniciais de implantación, como informes ou consultorías de viabilidade previas, son constantemente referenciadas polos medios tanto especializados coma xeralistas.
Se hai uns días atrás, saltaban á escea as informacións en volta das análises sobre o software libre na Administración Obama, agora é o Goberno federal canadense o que acaba de abrir un proceso de información para que os distintos provedores do país presenten ofertas de software co único requisito de que estean libres de cargos de licenzas, citando expresamente o software libre e mesmo, o propietario freeware.
O responsábel da asociación canadense de software libre apresurouse a indicar que “dado o estado da economía mundial como non se pode considerar seriamente a posibilidade de abaratar o custo do software”, esperando que este proceso lle dea lugar a unha política gobernamental que outorgue “igualdade de condicións” aos provedores de software aberto, salientando ao seu xuízo as súas vantaxes -non só financeiras.
A este respecto, a Administración canadense é consciente de que a gratuídade total aplicada ás empresas ou as Administracións non existe nin no software libre, polo que a iniciativa deberá complementarse no futuro cun concurso que afronte custos, vantaxes e inconvenientes, tanto de software libre como propietario. A notoriedade do asunto vén porque é a primeira vez que desde o goberno canadense se expón unha solicitude de información deste tipo, o que indica que polo menos se porán enriba da mesa todas as opcións.
