
Por terceiro ano consecutivo Lugo unirase á festa de celebración polo aniversario de Arduino durante o Genuino/Arduino Day.
A asociación makers.lugo organiza un ano máis un evento aberto para todos os públicos o sábado día 2 deste próximo mes de Abril. O obxectivo é xuntarse nese día para celebrar con outros makers e dar a coñecer distintos proxectos feitos con arduino ao público xeral, polo que dende a organización desexan contar co maior número posible de persoas! Ademais, segundo nos informa a organización, queren aproveitar este evento mundial para medrar e situar tamén a Lugo no mapa do hardware e o software libre.
Todos os grupos de usuarios, makerspaces, hackerspaces, fablabs, asociacións, profesores, profesionais e noveis desta tecnoloxía serán benvidos a participar dos obradoiros, charlas e sesións de demostracións que se realizarán a partires das 10:30 da mañá non CEI Nodus de Lugo.
Ao ser único evento de celebración do Arduino day confirmado na zona do noroeste da península, agardan contar coa asistencia de makers chegados dende todos os recunchos do noroeste: Pontevedra, Santiago, Coruña, Lugo, Bilbao, … “que configuran unha axenda do máis interesante, dende impresoras 3D ata control enerxético do fogar, pasando por robótica educativa, árbores de nadal ou invernadoiros controlados por Arduino”.
Arduino e o Arduino Day
Arduino é unha plataforma de hardware e software libre, baseada nunha placa cun microcontrolador e un contorno de desenvolvemento (IDE), deseñada para facilitar o uso da electrónica en proxectos multidisciplinares.
Ao ser open-hardware, tanto o seu deseño como a súa distribución é libre. É dicir, pode utilizarse libremente para o desenvolvemento de calquera tipo de proxecto sen adquirir ningunha licenza.
O Arduino Day é a celebración a nivel mundial da festa de aniversario do proxecto Arduino. É un evento de 24 horas que é organizado directamente pola propia comunidade de usuarios de Arduino ou directamente polos propios fundadores do proxecto onde as persoas interesadas en Arduino e Xenuíno reúnense para compartires as súas experiencias e aprender máis.
