Mancomún

Chamamento á colaboración na tradución dun libro sobre a xestión de proxectos libres

Luns, 30 Novembro 2009

Onte chegou á nosa rolda de correo Guls unha mensaxe remitida dende o grupo de usuarios GHANDALF, no que se chamaba á comunidade á participación no proxecto de tradución ao galego do libro Producing Open Source Software, de Karl Fogel.

A páxina do proxecto que puxeron en marcha dende GHANDALF pódese atopar en producingoss.ghandalf.org

A importancia deste libro radica en que foi un dos pioneiros en tratar de explicar como xestionar un proxecto de software libre, a partir das experiencias do autor como un dos líderes do proxecto Subversion e a súa participación noutros proxectos libres.

Despois dunhas semanas de traballo poñendo todo a punto, o equipo de GHANDALF ten xa listas as ferramentas así como un pequeno equipo de traballo. Porén, calquera axuda para ter esta tradución rematada antes de fin de ano será útil e ben recibida.
Especificamente, están a buscar voluntarios para:

  • traducir ou revisar algún capítulo
  • botar unha man con tarefas de deseño web
  • ou coa automatización e integración das achegas dos tradutores

Se alguén se anima a participar con algunha desas tarefas pode apuntarse na rolda de correo do proxecto.

Noutra orde de cousas, esta fin de semana tivo lugar a primeira asemblea de GHANDALF, o grupo de usuarios promotor desta iniciativa, na que os socios que a conforman tiveron a oportunidade de debater o estado da asociación nos seguintes puntos:

  • Informe dos proxectos levados a cabo durante 2009 e os que están en curso.
  • Proxectos para o 2010.
  • Federación de LUGs galega: informe de estado actual e participación actual da asociación.
  • Estado das contas actual e aprobación do presuposto para o ano 2010.
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal