Mancomún

Chamamento á participación na GUADEC 2012

Martes, 28 Febreiro 2012

Logo da GuadecComo xa anunciamos no seu momento, a edición da GUADEC do ano 2012 vaise celebrar en Galicia, na cidade de A Coruña, cidade que xa acolleu diversos encontros ou hackfests do proxecto GNOME nos últimos 3 anos. Esta edición está a ser organizada por GPUL coa colaboración da asociación Ghandalf, a Universidade da Coruña, e co apoio da Xunta de Galicia, GNOME Hispano e Igalia.

A conferencia terá lugar entre o 26 e o 29 de xullo na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, con días extras adicionais despois para a celebración de hackfests e reunións.

A GUADEC é a conferencia anual da comunidade de GNOME, celebrada en Europa dende o ano 2000. GNOME é o proxecto de Software Libre que produce as interfaces de usuario de moitos dos dispositivos con GNU/Linux, dende ordenadores portátiles ata teléfonos intelixentes, ou equipos multimedia persoais. Trátase pois do acontecemento mundial que reúne ao maior número de persoas involucradas no desenvolvemento de interfaces libres de escritorio ou de usuario móbil.

Dende a organización da GUADEC 2012 agardan reunir a centos de participantes para discutir e dirixir o futuro do proxecto de GNOME. Hoxe mesmo acaban de publicar o chamamento á participación nesta edición da GUADEC. O comité do programa agarda as vosas propostas de participación na GUADEC para contribuír a que este acontecemento se converta nun gran éxito. Son benvidas as contribucións de desenvolvedores, artistas, tradutores, usuarios, representantes do goberno, da educación, do sector empresarial ou calquera outro que comparta o interese no proxecto.
A liberación durante o pasado ano da primeira versión de GNOME 3 refrescou significativamente o desenvolvemento do proxecto. Seguindo este fío, hai varios temas quentes que son de interese particular para a GUADEC 2012:

  • Deseño do núcleo da experiencia de usuario
  • Desenvolvemento de aplicativos para GNOME 3
  • Integración da vida na web no escritorio
  • Adaptación de GNOME a novos tipos de dispositivos
  • Integración de novos colaboradores
  • Organización e goberno do proxecto
  • 15 aniversario de GNOME

Por suposto tamén é posible enviar contribucións que non encaixen nestas categorías, sempre que sexan relevantes ou de inspiración para a comunidade de GNOME.

Todos os interesados en participar na GUADEC deberán enviar a súa proposta antes do 14 de abril a través do sistema de submisión en liña. As presentacións serán revisadas polo comité do programa entre o 15 e o 28 de abril.

O comité de programa está formado polos seguintes membros: Andre Klapper, Allan Día (Red Hat), Ryan Lortie (Codethink), Michael Meeks (SUSE), Lennart Poettering (Red Hat), cristián Schaller (Collabora) e Vincent Untz (SUSE).

Haberá un chamamento para as charlas rápidas (Lightning talks) a finais de abril. Os interesados en organizar unha sesión de traballo, unha reunión, … durante a segunda parte da GUADEC tamén deberán agardar a un novo chamamento á participación máis adiante.

Calquera dúbida relacionada coa participación debe remitirse ao comité do programa e para cuestións xerais sobre a conferencia consultar o sitio web da GUADEC ou contactar co equipo organizador.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal