Como xa foi anunciado en marzo, este ano a III Libre Software World Conference (LSWC’12 ) está a ser organizada por AGASOL e celebrarase os días 18 e 19 de outubro na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela para o que conta coa colaboración e apoio da AMTEGA.
Así Galicia acollerá por primeira vez un dos maiores eventos de difusión de Software Libre celebrados en España cun enfoque principalmente empresarial e profesional. Esta conferencia supón unha excelente oportunidade para coñecer de preto as principais novidades e innovacións técnicas, os novos produtos e proxectos no eido do Software Libre que hai en marcha en España, ademais de servir como punto de encontro e networking entre os profesionais e empresas que se adican a ofrecer servizos en torno ao Software Libre.
A organización do evento está traballando xa na elaboración do programa da conferencia e ata o día 18 de setembro está aberto o prazo de inscrición para remitir presentacións para o evento.
Se es unha empresa, particular ou institución con algo que dicir sobre o Software Libre, non perdas a oportunidade de participar neste encontro de dous días no que Galicia converterase na capital do Software Libre.
Os interesados en participar na LSWC’12 cunha charla, presentación ou demostración deberán inscribirse no evento como poñentes e seguir os pasos indicados para completar o envío da súa proposta de intervención. As presentacións, para a súa valoración, deberán adaptarse aos seguintes criterios:
- O resumo terá un máximo de 300 palabras.
- Indicar a área temática: Administración pública e institucións, Cidadanía ou Empresas
- Xuntar a presentación nun formato aberto, tendo en conta que a súa exposición será, como máximo, de 25 minutos.
Dentro do período de recepción é posible editar os datos e información remitida accedendo de novo ao sistema de rexistro.
Unha vez realizada a valoración e selección, todos as propostas recibirán unha resposta por parte da organización respecto da súa aceptación ou non aceptación.
O evento contará con 3 áreas de contido principais:
- Empresas: área de contidos dirixida a coñecer como as empresas utilizan o Software Libre e a súa filosofía como base para o desenvolvemento de proxectos, ofrecer un escaparate de produtos e servizos, e facilitar a xeración de networking durante o evento.
- Administración pública e institucións: dado o papel clave na implantación do Software Libre que está a xogar a administración pública, ofrecerase un bloque de contidos específico que ofreza un foro de discusión que axude a descubrir como outras institucións están a utilizar o Software Libre, intercambiar ideas sobre os últimos avances en implantacións e analizar o impacto de políticas de adopción en Software Libre.
- Cidadanía: Nunha conferencia sobre o Software Libre é moi importante analizar todos os aspectos nos que as persoas poden obter beneficios do Software Libre. Esta área de contidos enfocarase en coñecer as últimas ferramentas de Software Libre, involucrar aos usuarios en grupos e comunidades de desenvolvemento e participar en talleres prácticos de interese.
A Libre Software World Conference 2012 de Santiago de Compostela está concibida como un evento aberto e como fonte de solucións diversas, pero concretas e resolutivas aplicadas a distintos sectores. Empresas, institucións e individuos encontrarán nestes dous días de intercambio de coñecemento e experiencias proxectos, avances, casos concretos e foros de discusión creados especialmente para eles sobre a base tecnolóxica máis eficiente do software libre.
A asistencia é de carácter aberto e gratuíto, só é preciso inscribirse antes do 4 de outubro dende a web habilitada aos efectos.
