Dende o grupo de tradución de gnome infórmannos que durante a vindeira semana comezará un "bug catching" na tradución ao galego do contorno de escritorio GNOME 2.30 que verá a luz no mes de febreiro.
A importancia desta intensa revisión que se vai levar a cabo, vén dada principalmente porque GNOME 2.30 será o contorno de escritorio da futura versión de Ubuntu que é unha LTS, ademais de en moitas outras distribucións.
Para mellorar a calidade da tradución do escritorio da vindeira Ubuntu, o grupo de tradución solicita a colaboración de todos os usuarios para que envien aqueles erros de tradución que poidan atopar en Gnome á rolda de correo gnome@g11.net para que deste xeito poidan ser recollidos e corrixidos se procede.
Á hora de informar dun erro na tradución de cara a facilitar a súa corrección, cómpre acompañalo da seguinte información:
- Aplicativo no cal aparece o erro.
- Forma de chegar a él. (Camiño seguido nos menús, accións realizadas…)
- Versión da contorna GNOME onde se atopou o erro.
