Mancomún

Chamamento para a tradución do futuro GNOME 2.30

Luns, 2 Novembro 2009

GnomeNa lista oficial de coordinación da tradución ao galego de Gnome fan o seguinte chamamento para a tradución do que será a seguinte versión do mesmo, o Gnome 2.30, que moi probabelmente acabe chamándose Gnome 3.0.

Actualmente, xa presenta o 96% da interface traducida, cun total de 1200 cadeas sen traducir e 466 dubidosas, dun total de 41878.

“Acábase de abrir o prazo para a tradución da versión 2.30 de GNOME, un contorno de escritorio intuitivo e de uso doado. O equipo de galeguización de GNOME querémosche facer este convite para que colabores connosco nesa tarefa.

Queres axudar? É ben doado! Explicámosche como facelo:

A- Envía unha primeira mensaxe á nosa rolda oficial de coordinación contándonos algo sobre ti (tes algunha experiencia traducindo? Que te motiva a colaborar? sempre axuda saber algo de cada un de nós!) e indica se prefires participar traducindo, revisando ou colaborando doutro xeito -se cadra no wiki, cazando erros ou en calquera outro aspecto do proxecto. Desta maneira poderemos asignarche o rol correspondente e darche a información adecuada sobre cuestións importantes como estilo de corrección lingüística ou as ferramentas que adoitamos empregar.

B- Mentres agardas pola resposta [2!!], podes ir botándolle un ollo ao traballo que temos pendente. Para iso visita o web oficial do noso equipo [3] e observa a táboa na que se relacionan as distintas versións. Agora estamos a traballar na versión 2.30, que é onde máis produtivo resultaría o teu traballo.

En cada unha das filas desa táboa poderás visualizar o estado da tradución de dous aspectos de GNOME: a interface gráfica e a documentación. Seguindo a ligazón correspondente, poderás ademais visualizar o estado detallado da tradución de cada un dos módulos incluíndo tanto a porcentaxe traducida como a identificación das persoas que están participando na súa tradución. Tamén verás en que fase do proceso se encontran, por exemplo se alguén reservou para si a tradución ou se a tradución enviada está pendente de revisión.

C- Xa te presentaches? Xa recibiches a información precisa sobre como desempeñar o teu rol Estupendo! Entón agora escolle o teu caso…

  1. Se vas axudar traducindo ou revisando, xa só che queda rexistrarte na interface de tradución de GNOME e seleccionar o teu rol. Unha vez que sexa activado xa poderás reservarte os módulos que che interesen e poñerte a traballar sobre eles.
  2. Se vas axudar en calquera outro aspecto segue as indicacións que che farán chegar os membros do equipo.

Como ves, trátase dun proceso sinxelo que permite a colaboración de distintas persoas cada unha traballando ao seu ritmo, segundo as súas capacidades e as súas preferencias persoais. Non son necesarios complexos coñecementos técnicos senón ganas para axudar a que o noso idioma continúe presente na rede.

Así que non o dubides máis e anímate a colaborar!!

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal