A Free Software Foundation (FSF) está a promover unha comunidade para xente nova interesada en contribuír ao software libre. A nova GNU Generation, como se fai chamar, está dirixida a rapaces e rapazas en idade de estudos preuniversitarios -entre 13 e 18 anos- co propósito de animar a este sector da poboación a participar no desenvolvemento de toda a comunidade de software libre.
Os proxectos dentro do grupo GNU Generation non están limitados a escribir código e poden comprender calquera actividade relacionada, incluíndo arte, promoción ou documentación, entre outras.
Nunha mensaxe no blog de Open Source At Google indícase que a iniciativa ten un carácter “moi informal e relaxado” e que os participantes terán a oportunidade de gañar diversos premios. Ao final de cada mes escollerase ao “contribuínte do mes”, que recibirá unha camiseta como premio, e ao final do ano o “contribuínte do ano”, que será premiado cun netbook.
Entrar a formar parte desta comunidade é moi sinxelo. Basta con crear unha conta co seu correspondente perfil e escoller algún dos proxectos propostos para a colaboración. Ademais, existe a posibilidade de crear un proxecto propio, para o que tamén se ofrecen unhas pautas de guía.
Despois, integrado nun proxecto existente ou nun propio, o participante recibirá axuda e asistencia técnica a través do wiki de GNU Generation, a rolda de correo e o canal IRC.
Fonte: Free Software Foundation
