Mancomún

Chris Kelty asegura que o software libre favorece á empresa

Mércores, 6 Maio 2009

O investigador norteamericano, con varios libros sobre software libre no seu haber, impartiu unha charla sobre esta materia en Madrid

O software libre proporciona oportunidades á empresa. Así o puxo de manifesto o investigador norteamericano, Chris Kelty, no marco dun Ciclo de Conferencias en Madrid sobre Ecoinnovación e o futuro das economías abertas, e no que impartiu a charla “From Free Software to “Do it yourself” Biology: Hacking, Cooperation and Openness in Science, Technology and Industry (Do software libre á bioloxía “fágao vostede mesmo”: pirataría, cooperación e apertura en ciencia, tecnoloxía e industria). Segundo dixo Kelty, “a crise vai apontoar o software libre, xa que implica redución de custos e creación de emprego”.

Kelty é profesor asociado de Estudos da Información no Center for Society and Genetics da UCLA (Universidade de Los Ángeles, California). Antropólogo e historiador, conta cunha ampla lista de publicacións relativas ao tema do software libre, acceso en aberto e ciencia en aberto. O seu último libro é “Two Bits: The Cultural Significance of Free Software”.
Na súa opinión “a ciencia aberta e o software libre ofrecen leccións ao sector financeiro que non sabe se serán aprendidas”. Descartou que a conxuntura económica estea a cambiar a paradigma da innovación, senón que, afirmou, faino “a crise do coñecemento, na que os dereitos de propiedade intelectual fortes e unha regulación débil configuran modelos económicos patolóxicos”.

Os partidarios do software libre na UE son, ao seu xuízo, máis “puristas” que os estadounidenses: “En EEUU domina o pragmatismo e co que se é menos consciente dos desafíos que implica para os dereitos de propiedade intelectual”. Un asunto ao que se enfrontan ambos son os servizos difusos tipo web 2.0, que representan unha paradigma diferente ao que non se lle aplican os principios do software libre. “Aínda que está aberto en certo sentido, non é libre na forma en que cren que debe selo quen apoia o software libre”, apuntou.

Respecto das Creative Commons, lembrou que o seu propio libro (Two Bits: The Cultural Significance of Free Software) está dispoñíbel baixo estas licenzas abertas. O telo colgado na web, segundo relatou, incrementou as vendas do libro impreso: “é máis cuestión de utilizar a versión en liña para publicitar o libro que que haxa competencia entre ambos os soportes”, afirmou.

O libro explica a importancia do software libre e como pode axudar a comprender outras realidades que lle seguiron, como as Creative Commons, a ciencia aberta ou a web 2.0. “O software libre é un exemplo dunha forma de esfera pública auténtica e tecnoloxicamente sofisticada, pero tamén é un logro fráxil para o que deberiamos prepararnos para protexer”, advertiu.

Kelty está convencido de que “os libros seguen tendo un espazo no mercado”. E insiste en que hai publicacións e produtos baixo licenzas abertas ou semiabertas que incrementan notabelmente a venda do ben total ou impreso. Aínda que recoñeceu que poida que non ocorra o mesmo coa música ou o cinema, resúltalle “difícil crer que a única forma de facer diñeiro sexa un modelo que se basee nun monopolio dos dereitos de propiedade”, cada vez máis restritivos.

Apuntou que “piratas, blogs, e sitios e internautas que comparten arquivos e vídeos son, simplemente, a nova forma na que a competencia se exercita hoxe”. Desta forma, “todo o mundo se enfronta ao mesmo desafío de crear novas formas de taxar e pór en valor os produtos de información que creamos”, sinalou. E resolveu: “é innegábel que vivimos un período revolucionario nos medios, pero non o final de nada”.

Fonte: dia@dia.net

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal