Mancomún

Cidadania traduce o sistema profesional de enquisas electrónicas LimeSurvey

Xoves, 15 Novembro 2007
A empresa Cidadania, Sociedade Cooperativa Galega, vén de localizar ao galego e poñer a disposición da comunidade o sistema profesional de enquisas electrónicas libre LimeSurvey. A ferramenta será usada pola propia empresa para desenvolver a súa actividade. Cidadanía  defínese na súa web como unha cooperativa constituída por un equipo interdisciplinario de profesionais do ámbito das ciencias sociais, pioneira en Galicia na integración de investigación, participación cidadá, planificación pública e xeración de capital social.

Lime Survey é unha aplicación web accesible desde calquera navegador de internet formada por un xestor interno e unha interface pública. O sistema permite realizar enquisas abertas, baixo invitación ou mediante autorrexistro, ás cales pódese acceder desde unha páxina web ou a través dun correo electrónico e mediante contrasinal. Como características avanzadas do sistema destacan a posibilidade de realizar enquisas multilingües nas que o destinatario pode escoller o idioma no que quere interactuar co sistema, o que permite a internacionalización da enquisa, e a inclusión de contidos de son e vídeo dentro do cuestionario, o que a converte nunha ferramenta idónea para o sector da publicidade e do audiovisual.

Cidadania habilitou unha enquisa de demostración que mostra de forma sinxela as principais funcionalidades do sistema e que pode accederse  publicamente .  

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal