As aplicacións de conxugación verbal para os idiomas galego, portugués e español creadas por Cilenis e GalApps son as máis completas, fiables e versátiles do seu ámbito lingüístico e as primeiras dispoñibles en software libre . Non teñen competencia no mercado de Android o que sitúa á galega Cilenis na primeira liña na creación de ferramentas lingüísticas para móbiles nos ámbitos hispánico e lusófono.
O pasado día 12 de xuño a empresa galega Cilenis, pioneira nos ámbitos do procesamento da linguaxe natural e a enxeñería lingüística, anunciou a publicación de dúas novas ferramentas lingüísticas para os idiomas español e portugués.
Estas viñan a se unir á publicadas o pasado ano por GalApps para a nosa lingua, baseada á súa vez no traballo de Cilenis: ConxuGalego. GalApps tamén publicou outras ferramentas lingüísticas DicionarioGalego baseado no dicionario en liña da RAG e TradutorGalego, baseado no tradutor online dispoñible no portal da Xunta.
Concretamente desta volta Cilenis lanzaba na Google Play Store dúas novas aplicacións para móbiles que poñen na palma da man de calquera persoa todos os verbos españois e portugueses: Conjugador Español e Conjugador Português. Trátase de dúas ferramentas moi sinxelas e intuitivas, desenvolvidas pola empresa GalApps para Cilenis, e que xa se poden descargar e instalar en terminais Android de maneira rápida, totalmente gratuíta e sen publicidade.
Así mesmo, son os primeiros conxugadores para móbiles de español e portugués deseñados con software libre. Igual que o conxugador de galego, están baseados en sistemas de código aberto, desenvolvidos inicialmente polo grupo de investigación ProLNat@GE (Procesamento da Linguaxe Natural) da USC, do que procede o equipo de traballo de Cilenis: Conshuga (galego), sistema desenvovido por Susana Sotelo (español) e conjugue (portugués) Actualmente non teñen aínda publicado o código fonte destas mesmas, xa que están en proceso de análise das distintas opcións para facelo, pero si o distribúen previa solicitude.
Conxugadores para móbiles e versións en liña
Conjugador Português e Conjugador Español permiten consultar só verbos normativos ou calquera outro verbo que se nos ocorra: neoloxismos, tecnicismos, localismos, verbos de xerga ou incluso inventados. O de español recolle todos os verbos recoñecidos pola Real Academia Española (RAE). Así mesmo, distingue os verbos polisémicos que teñen dúas conxugacións diferentes en función do seu significado. O portugués permite conxugar verbos segundo a normativa brasileira ou portuguesa, en ambos casos antes e despois do Acordo Ortográfico.
No mercado de Android só existen outros tres conxugadores para español, todos eles incompletos, con erros lingüísticos e incluso con interfaces noutros idiomas; e un só para portugués, que unicamente permite consultar verbos dunha lista predefinida. Isto sitúa a Cilenis en primeira liña na creación de ferramentas lingüísticas para móbiles nos ámbitos hispánico e lusófono.
Estas aplicacións chegan despois de que a finais do ano pasado Cilenis presentara as ferramentas on line máis completas para conxugar verbos de maneira automática en galego e portugués: o Cilenis Conxugador e o Cilenis Conjugador. É por iso que agora, apenas oito meses despois, vén de estrear tamén na súa web Cilenis Conjugador Español, a versión on line do conxugador en español, tamén totalmente gratuíta e sen publicidade. Esta ferramenta busca unha visualización rápida, clara e eficaz para un público xeral, fronte a outros conxugadores existentes, que están dirixidos a grupos
específicos ou de lingüistas que coñecen a terminoloxía.
Todos os conxugadores de Cilenis presentan importantes aplicacións no ámbito da educación, a comunicación e a empresa. A súa eficacia e manexabilidade fanos idóneos para o e-learning, a aprendizaxe de idiomas con novas tecnoloxías.
Máis sobre Cilenis, os seus servizos e outras ferramentas creativas e innovadoras
Cilenis é unha empresa spin-off creada en 2011 por membros do grupo de investigación ProLNat@GE da USC. Ofrece produtos e solucións avanzadas nos campos do procesamento da linguaxe natural e a enxeñaría lingüística en cinco idiomas: galego, portugués, castelán, inglés e francés, conxugando estratexias creativas e innovadoras coa filosofía do código aberto e o acceso libre ao coñecemento.
A iniciativa foi premiada en xuño do pasado ano co primeiro premio do XI Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC, por abordar un ámbito pouco explorado en Galicia e con importantes perspectivas de futuro.
A súa carta de presentación foi o conxugador verbal en galego para a web Cilenis Conxugador. A partir deste produto a empresa GalApps desenvolveu a aplicación para móbiles ConxuGalego, polo que dende entón ambas empresas traballan xuntas na creación das versións para móbiles en distintos idiomas do conxugador de Cilenis.
Por outra parte, Cilenis traballa agora en novas ferramentas. Unha delas é Avalingua, un software que analiza, detecta e clasifica erros ortográficos, léxicos e gramaticais da lingua escrita e propón solucións. Creado inicialmente para o galego, converteuse nun proxecto multilingüe, que xa se está desenvolvendo para o español e que se adaptará no futuro para outros idiomas.
Outro servizo de Cilenis é a instalación, personalización e mantemento do sistema de tradución automática Opentrad, grazas a un protocolo de colaboración con Imaxin| software. Así mesmo, constrúe recursos lingüísticos de alta calidade: elaboración de corpus lingüísticos por encargo; creación de terminoloxías bilingües para calquera dominio do coñecemento; e construción de léxicos computacionais. Ademais, servíndose de ferramentas que integran información estatística e lingüística, desenvolven sistemas de extracción de información global sobre textos e clasificación automática de
documentos, análises e enriquecemento de textos con información externa, etc.
Cilenis é unha nova mostra de que o talento das nosas empresas e o software libre permiten contribuír a xerar riqueza e recoñecemento para a nosa comunidade.
