“Conseguir as novas e a información que necesitamos para mellorar as nosas comunidades é máis importante que nunca”. Así de contundente comeza a fundación John S. and James L. Knight Foundation anunciando a cuarta edición do Knight News Challenge. Trátase dun concurso anual premiado con cinco millóns de dólares que busca proxectos innovadores en materia de difusión de novas a través de medios dixitais.
O concurso, ao que pode concorrer calquera persoa do mundo, especifica que calquera proxecto presentado debe empregar tecnoloxía dixital de código aberto. A maiores requírese que comprenda a distribución de novas de interese público e que sexa experimentado nunha comunidade local.
O Desafío Noticioso de Knight mantén aberto o prazo de inscrición desde o pasado 1 de setembro ata o vindeiro 15 de outubro de 2009. As solicitudes deberán ser enviadas en inglés a través da web do certame.
Os gañadores do premio daranse a coñecer en maio de 2010. Para maior información sobre o concurso visite www.newschallenge.org.
