“Ao falar de código aberto o primeiro que nos vén á cabeza é Linux, pero o certo é que o código aberto non se reduce ao software soamente. Tamén o cinema ten aquí o seu lugar”. Son as apreciacións recollidas na revista dixital sobre ciencia e tecnoloxía, NeoTeo, nunha extensa reportaxe sobre cine de código aberto.
O seu autor, Lisandro Pardo, explica no texto que para que unha película sexa considerada libre ou de código aberto deber cumprir varios requisitos. O primeiro deles pasa polo seu licenciamento. Son moitas as licenzas que, con máis ou menos permisibilidade, son empregadas no campo da produción cultural e artística, pero no caso que nos ocupa só son admitidas as licenzas aprobadas como Traballo Cultural Libre -algunhas das licenzas Creative Commons son commpatíbeis con esta definición. Por outra banda, tamén os materiais que foron empregados para a creación da peza audiovisual deben ter na súa totalidade este mesmo tipo de licenza.
Segundo este primeiro requirimento, tanto a película como os materiais deben estar dispoñíbeis de forma libre e gratuíta sexa a través de descargas por Internet ou doutro medio, e calquera custo aplicábel só debe cubrir a reprodución de material, sen ningunha ganancia adicional.
Entrando xa en materia de software, todo este material, considerado “fonte” debe poder verse e/ou editarse con ferramentas de código aberto. E, en caso de non ser posíbel, debe existir a posibilidade de convertilos a algunha clase de formato que si cumpra este requisito. Ademais, debe ser posíbel recrear o filme empregando as súas fontes, sen restricións.
Tras a exposición destas características a reportaxe fai un breve repaso dalgúns dos mellores exemplos que se poden atopar entre as producións audiovisuais de código aberto: O soño do Elefante –da que xa se ten dado conta en Mancomún-, Valkaama (aínda non completamente lista), Big Buck Bunny…
A reportaxe remata sentenciando: “O potencial do código aberto aplicado ao cine é impresionante, e con axuda de ferramentas como Blender que evolucionan día tras día, este potencial crecerá aínda máis. Talento por onde se mire, e o máis importante de todo: é libre”.Sen dúbida, todo un chamamento para os amantes do cine que desexen introducirse no mundo da produción de xeito libre e sen restricións.
Fonte: NeoTeo
